Primeiras estreas do mes de maio e coma non pode ser doutra maneira, falaremos da memorable AVENGERS: ENDGAME (2019) dos irmáns Russo. Apoteose triunfal na Historia do Cinema do entretemento puro e duro, que arrasa no fervor dos siareiros e da crítica especializada. Non remata a dose de Fantástico por hoxe, e de feito as outras dúas propostas xogan no mesmo xénero.
Imos indo por partes e antes dos Avengers e de petisco imos falar da primeira superprodución da China continental dentro da Ciencia Ficción, a moi agardada THE WANDERING EARTH (2019) dirixida por Frant Gwo, que tamén suma nos créditos do texto adaptado xunto a Gong Geer do micro relato homónimo do escritor Cixin Liu, moi na moda dende que Barack Obama recomendara o seu libro O PROBLEMA DOS TRES CORPOS (2006), a primeira obra nunha linguaxe distinta a inglesa, gañadora do Hugo a Mellor Novela do 2015. Logo virían dous títulos máis que pecharían a chamada Triloxía dos Tres Corpos.
Nesta ocasión, a adaptación muda para unha suposta mellor comprensión cinematográfica das venturas polas que teñen que pasar os habitantes do planeta Terra. Coma breve sinopse, direivos que o Sol, en cen anos estoupará nunha supernova, engulindo tódolos planetas do Cinto de Asteroides. A Humanidade, a fume de carozo, tenta solucionalo cataclismo dunha maneira moi afastada das propostas de “Hard Sci-Fi” das que Liu soe facer gala. Por non caer nos spoilers vou calar aquí, pero coma proposta físico-teórica é unha trapallada.
Pero xa que estamos, aceptamos o inicio do filme coma curiosidade por ver ata onde chegamos nesta historia. Non vou aforrar suspense e directamente dígovos co cineasta Gwo, quédalle moi grande o filme. De feito, sospeito co novel realizador deulle ben duro aos visionados dos filmes máis recentes e coñecidos da Ciencia Ficción estadounidense. Durante toda a metraxe veñen a miña testa longametraxes tan diversas coma as artificieiras 2012 (2009) e THE DAY AFTER TOMORROW (2004) do vende-fumes Roland Emmerich, espectáculos visuais cunhas moi elaboradas artes nos CGI, que no caso de THE WANDERING EARTH é do máis salvable, a pesares que tenta xogar co colosalismo nos tiros da cámara sen conseguilo.
Pero cando tentan contarnos un drama na mellor tradición do visto na INTERSTELLAR (2014) de Christopher Nolan, adornado dunha certa complexidade filosófica coma na 2001: A SPACE ODYSSY (1968) de Kubrick é onde patinan cun tremendo estrépito. Por querer buscar as bágoas da audiencia, o que conseguen é unha vergoñenta ñoñería de proporcións “Marco vai sen nai pola beirarrúa”. Exceso naif, orientado cara un mercado chinés adormecido a base de tanques contra revoltas culturais. Ben pouco lera un estudo sobre a sociedade chinesa, onde non saen nada ben parados nas súas costumes hixiénicas e sobre todo, na docilidade social fronte aos poderes gobernamentais.
E coma xa padecéramos no primeiro blockbuster chinés cara o mercado internacional, a decepcionante THE GREAT WALL (2016) do botado a perder Zhang Yimou, aquí os acontecementos van cara maior gloria do aparato do Estado e os seus formidables, entusiastas e incansables ao desalento, militares do Exército Vermello.
Mételle algo (non moita, tampouco vaiades crer), de tensión narrativa na liña do GRAVITY (2013) de Cuarón ou da fermosa UP (2009) de Don Bluth, mesturado coas facianas dos xoves actores populares por aqueles lares (a recadación ai que coidala, amiguiños), pero dunha moi escasa capacidade interpretativa, e xa temos un bo ladrillo de 125 minutos.
Con moita razón, tanto o ególatra James Cameron coma Luc Besson déronlle cabazas aos produtores da longa, que aínda por riba tiveron a mala idea de cortar metraxe que arroxaba moita máis luz entre tanta escuridade argumental. Se sumamos a penosa B.S.O e a nefasta edición, obtemos unha indixesta sucesión sen moito tino, onde só podemos salvar a moi acertada e detallista dirección na arte e no deseño dos sets, pero non vai máis. Co voso risco, podedes vela, pero que conste que eu xa vos avisei.
E chimpando de xénero, imos falar da segunda tempada da serie AMERICAN GODS, adaptación barroco-visual da novela homónima de Neil Gaiman que amplifica e varía o contido do libro para alongar no exceso as tramas no detrimento da evolucións dos personaxes. Algo que xa advertíramos na crítica da súa primeira sesión, de contido estético preciosista e minucioso ata o deleite máximo nas calidades na técnica, pero que xa advertíamos que con iso só non abondaba para unha continuación acertada. E por iso, aínda que na produción damos unha elevada cualificación, vai moito de recheo na maioría dos capítulos. Non é un suspenso global, por que vai sincero esforzo na dirección e sempre é un pracer gozar da interpretación dese tremendo actor que é Ian McShane, pero moito vai ter que mellorar na terceira tempada, para seguila. Dareille un par de capítulos e contareivos (pero iso será no vindeiro ano).
Gozaredes da serie os fans de Gaiman (agardamos con moito interese a próxima estrea catódica desa irreverente e orixinal historia que co-escribira con Terry Pratchett titulada GOOD OMENS) e os nerds da contracultura estadounidense, onde aquí si, fan unha boa mestura coas iconas do rock (Lou Reed entre eles), os pecados da sociedade estadounidense e as tradicións de mitos e lendas das diferentes relixións da Humanidade.
Descoñezo o impulso que tería esta serie se HBO e Tom Hanks houberan finalmente aceptado producila, pero sospeito que moito ía mellorar, a pesar de ter no actor Nicolas Cage o cabeza de cartel no outrora reparto artístico. Coma curiosidade nerd, Odin, na serie recibe o nome de Mr. Wednesday, que deriva do Inglés Antigo “Wodenstaeg” (o día de Woden) e da súa vez das vellas linguas escandinavas, “Odensdag”.
No resumo, AMERICAN GODS é un produto dun impecable acabado, pero cunha moi lixeira enxunlla emocional. Vese ben pero non chega a gañarnos dende o punto de vista visceral e iso é algo que o AVENGERS: ENDGAME (2019) ten de sobra, por que se o cinema coma formulación primixenia é o de entreter e de segundo, conseguir espertar emocións en nós, temos que dicir que o peche que fan os irmáns Russo da excepcional singradura ca Marvel planificou no seu Marvel Cinematic Universe no 2006 (e 22 filmes despois) é, sinxelamente, de estudo maior nas escolas cinematográficas.
AVENGERS: ENDGAME (2019) é a mellor película de súper-heroes xamais feita na Historia do Cinema. Cumio total do Fantástico (¡ollo!, non metemos, nesta ocasión, no mesmo saco o xénero da Ciencia-Ficción), que senta no trono divino que outrora ocuparan títulos coma THE 7th VOYAGE OF SIMBAD (1958) de Nathan Juran, o SUPERMAN (1978) de Donner, o EVIL DEAD II (1987) de Sam Raimi, a magnífica JOHN CARTER (2012) de Andrew Stanton e que mesmo trata de tu a esa obra mestra absoluta que é o THE INCREDIBLES (2004) do noso admirado Brad Bird.
Aínda que non é necesario ver a totalidade dos 21 filmes que Marvel produciu con anterioridade previo colofón a esta colosal aposta audiovisual, non vai mal velos. Se non é posible tal, polo menos é imprescindible ollar AVENGERS: INFINITY WAR (2018) coma punto de partida entre a loita que teñen os Vingadores fronte ao xenocida e tolo titán Thanos, conflito do que falamos na crítica do pasado 21 de maio do 2018.
Ao remate daquel filme, quedábanos ben claro que si ou si, Thanos tiña que ser derrotado, así que non caben moitas sorpresas argumentais na trama principal desenrolada polos guionistas Christopher Markus e Stephen Kirby. A cuestión era mais ben como ían contala historia, e neste punto é onde logran unha baza sen igual.
AVENGERS: ENDGAME é unha montaña rusa de emocións con seis, sete intres emotivos dunha magnitude colosal e con un deles absolutamente A-PO-TE-Ó-SI-CO (o “momento martelo”), sinerxia emocional perfectamente sincronizada na súa edición e que fixo estoupar aos espectadores da sala coma nunca antes vira na miña vida.
Por que o filme, retrotrae a nosa infancia cando ir ao cinema era un acontecemento que lembrabas durante os vindeiros días. Saías da proxección, brincando de ledicia, falabas todo o finde cos amigos deses personaxes que xa forman parte das nosas lembranzas así foran gremlins, wookies, cylons, kryptonianos, arqueólogos caza-tesoiros, espías cunha licencia para matar…
Grande éxito dos irmáns Russo nunha tremenda historia que sorpréndenos pola súa axilidade no tempo narrativo (tres horas que pasan coma se nada), cunha batalla derradeira exposta en tres actos (coma se fora outra película dentro da principal), unha edición perfecta (tería que optar por levar o premio coma Mellor Montaxe nos Oscar do 2020) e xa que falamos da famosa estatuílla, agardo que por fin Alan Silvestri leve o merecidísimo Oscar coma Mellor Banda Sonora polo perfecto encaixe que fai co gozado na grande pantalla; por que estimados lectores AVENGERS: ENDGAME é un filme que tedes que ver no cinema. Non rexeitedes a oportunidade única de alcanzalo paroxismo visual; daredes por ben pagados os cartos da entrada.
Chegados a este punto, podería seguir falando dos méritos da película, da incrible experiencia comunitaria coas persoas que enchían a sala (xente de corenta anos chorando, berrando de rabia, chimpando das súas butacas, elevando os seus puños cara a pantalla…), pero moito mellor é que vaiades vela.
AVENGERS: ENDGAME, si, realmente é tan boa coma vos dixeron.
E coa triste nova do pasamento de Peter Mayhew (o grande Chewbacca), mañá celebraremos o 4 de maio coma o Día de Star Wars (no Estado de California, dende onte é oficialmente considerado coma tal) e brindaremos pola xente que fai posible historias coma estas e que fan as nosas vidas moito máis divertidas de vivir.
Grazas coma sempre por seguir aí, alén da pantalla; vivades no pais, na Illa Esmeralda, no Dagobah ou preto das Portas de Tannhäuser.