Bisbarra, 7 de xaneiro do 2025 – Cando se inaugurou a AP-9 moitos colectivos dicían que era unha cicatriz que dividiría Galicia en dúas partes, o tempo demostrou que en realidade conectaba o territorio.

Hoxe sabemos que a verdadeira cicatriz aparece cada vez que se liberaliza un tramo da AP-9 porque deixa de sangrar (nos). A estas alturas tería que ser de balde ou, polo menos, con prezos asumibles pero a realidade e ben distinta.
A última falcatruada relacionada coa AP-9 foi no ano 2000. Con Fraga de presidente da Xunta e Álvarez Cascos de Ministro de Fomento, ampliouse a concesión ata o ano 2048. Ao mesmo tempo outras tres autoestradas (AP-1, AP-4 y AP-7) rematarán a concesión no 2019.
A cousa non mellorou co tempo xa que tres anos despois, sendo Alberto Núñez Feijoo Conselleiro de Ordenación do Territorio e Aznar presidente do Goberno, privatízase a Empresa Nacional de Autopistas. Por se non chegara, a Xunta acabou por financiar a peaxe de Rande, tras a privatización os galegos acaban pagando á empresa que se supón que ten que sacarlle rendemento.
Agora os concellos, colectivos veciñais, partidos políticos, asociacións… volven a falar de recuperar á AP-9 por completo ou por partes. O concello de Ames ven de enviar unha carta ao ministerio de Transportes, ao Ministro Oscar Puente, na que pide que se cree unha mesa de traballo sobre esta cuestión.
O alcalde de Ames, Blas García, pide “que comecen a estudar de forma conxunta cos concellos a gratuidade de tramos estratéxicos da AP-9, como pode ser o tramo Padrón – Santiago”. Unha demanda que non é nova pero que aparece cada vez que suben as tarifas da auto estrada.
Na mesma liña está o BNG que emitiu unha nota de prensa desde a delegación comarcal na que anticipa que levarán a tódolos concellos afectados unha moción pedindo a gratuidade da AP-9 polo menos mentres duren as obras na Nacional 525, previstas ata finais de este ano.
Que a empresa sacou rendemento da concesión é algo incuestionable, que os investimentos en mantemento foron os mínimos e que si a estrada foi pagada con fondos públicos e sostida co pago da veciñanza xusto é que máis pronto que tarde a AP-9 volva ás mans dos galegos.