Compostela, 11 de febreiro do 2017 – Foi presentado en Santiago de Compostela o novo proxecto Aulas sen paredes, que propón novas estratexias pedagóxicas para as aulas de lingua a través de ferramentas tan innovadoras no ensino e na aprendizaxe lingüísticas como a expresión dramática e teatral.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou a autora, Rosalía Fernández Rial, no acto celebrado no IES Arcebispo Xelmírez I, no que asegurou que o seu departamento “se comprace en presentar un traballo innovador, asentado asemade en fortes bases teóricas e na práctica docente máis comprometida, que servirá de apoio a todos eses profesores e profesoras que buscan novos camiños polos que asegurar a motivación do alumnado, o seu aprecio polos idiomas que estuda e o dominio da oralidade, ata hai pouco tempo deixada de lado nas clases de lingua a pesar da súa indubidable relevancia”.
Aulas sen paredes
Aula sen paredes achega unha nova metodoloxía didáctica para a aprendizaxe de linguas no ensino secundario artellada nun libro-dvd. Trátase dun estudo teórico-práctico derivado da tese de doutoramento da profesora e escritora Rosalía Fernández Rial que aborda o uso da expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para as aulas de linguas.
Baseado na investigación académica, o volume coeditado por Edicións Positivas e mais pola Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Aulas sen paredes inclúe un marco teórico, un programa didáctico práctico desenvolto no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, e mais un documental que reflicte a devandita experiencia didáctica.
Os obxectivos de Aulas sen paredes, que aspira a ir máis alá dos formatos impreso e audiovisual para chegar aos centros por medio de obradoiros de formación do profesorado, ten como obxectivo específico innovar no ensino e na aprendizaxe das linguas e como xeral facelo no contexto educativo tendo en conta os cambios e as demandas da sociedade actual.