Despois de anos de vertidos ao Sar, dunha mala depuración por falta de capacidade da depuradora da Silvouta, de críticas ás sucesivas corporacións por non arranxar o problema, Compostela recibe unha sanción de Augas de Galicia xusto antes de que todo se arranxe.
O enfado da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, era palpable na rolda de prensa de este venres. A rexedora ve “unha clara intencionalidade política na proposta de sanción de Augas de Galicia”.
A alcaldesa considera “estraño” que Augas de Galicia iniciase o expediente sancionador cando xa está en vías de solución o problema de fondo, isto é, durante a construción da nova EDAR para paliar a insuficiencia que a antiga depuradora viña arrastrando durante décadas.

Sanción a destempo?
No se poden negar os problemas da depuradora da Silvouta nin a incapacidade para filtrar as augas. Tampouco se pode negar que Aigas de Galicia tivo oportunidades ao longo dos últimos mandatos para abrir expedientes.
Pero Augas de Galicia decidiu abrir o expediente sancionador a finais de setembro de 2025, xusto cando o problema de insuficiencia da antiga depuradora para tratar o volume de augas residuais que chegan a ela está en vías de solución coa nova EDAR.
Hai ademais un dato máis que sorprende. Augas de Galicia, órgano dependente da Xunta de Galicia, forma parte do proxecto de mellora. Augas coñecía os pasos a seguir para rematar a obra e que nun punto dos traballos, cunha parte da vella depuradora desmantelada e a nova entrando en funcionamento, os vertidos poderían producirse de xeito puntual.
Goretti Sanmartín considera que o lóxico sería que Augas de Galicia abordase calquera cuestión sobre este proxecto na comisión de seguimento, da que o propio ente autonómico forma parte xunto con ACUAES.

Unha sanción que crece
Por outra banda a primeira sanción foi leve. Compostela presentou alegacións que non foron aceptadas e mentres avanzaba este proceso administrativo a sanción pasou de leve a grave.
Augas de Galicia ampliou o expediente cunha serie de inspeccións que inclúen o período do vertido que se produciu na entrada en funcionamento da nova EDAR. Compostela non puido alegar en estas novas inspeccións como si fixera nas primeiras. A sanción, que podería ir de 30.001 a 300.000 €, proponse pola máxima contía, sen xustificación da proporcionalidade.
A argumentación de Augas de Galicia e cando menos curiosa. Aprecia intencionalidade no incumprimento da autorización de vertido porque se eliminaron partes da antiga depuradora antes de rematar completamente a nova.
Augas de Galicia parece esquecer que as obras da EDAR, que está realizando ACUAES, están no marco dun convenio do que forma parte este organismo da Xunta de Galicia. Augas coñece o proxecto e o seu desenvolvemento en todas as súas fases.
A resolución foi asinada o día 4 de febreiro e concede un prazo de 15 días para presentar alegacións. Os servizos técnicos municipais comunicáronlle o expediente a ACUAES, actual responsable da explotación da EDAR, e á empresa prestadora do servizo de saneamento e abastecemento, concesionaria da depuradora ata o 1 de outubro, para que informen no que lles atinxa. O Concello xa presentou alegacións.
