Melide, 29 de agosto do 2017 – As marxes do Río Furelos a altura de San Xoán serán obxecto dunha actuación de mantemento e limpeza por parte de Augas de Galicia.
A actuación do organismo autonómico centrarase na retirada de maleza e árbores co fin de mellorar a canle e o leito do río.
Esta actuación foi solicitada a Augas de Galicia xunto con outras que están neste momento a estudarse pola rexedora melidá, Dalia García, quen o pasado maio visitou con técnicos da Consellería de Medioambente o treito do río mostrándolle aos mesmos a necesidade dunha limpeza. O lugar visitado foron as marxes do Río á altura da ponte románica xa que a proliferación de maleza e de árbores caídas é abundante e unha cuestión á que había que darlle solución.
O director do organismo autonómico Augas de Galicia, Roberto Arias, confirmou ao Concello de Melide que o vindeiro setembro está marxe do río será obxecto dunha limpeza que sen dúbida mellorará o estado da canle do Río Furelos.