Bisbarra, 20 de abril do 2023 – A Audiencia Provincial ven de obrigar a un xulgado de Santiago a que reabra a causa contra o ex Director Xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, relacionado coa mina de San Finx.
A Confraría de Noia apelará no seu día o arquivo da causa recurso que agora é estimado. Esta decisión da Audiencia chega nun momento clave xa que, segundo a Confraría, “reafirma as reclamacións do pósito noiés e dos colectivos ecoloxistas que levan anos pedindo xustiza fronte ás ilegalidades da mina de San Finx, en Lousame”.
Tahoces está acusado de varios presuntos delitos de falsidade en documento público por mentir presuntamente sobre a natureza e antecedentes das presas de residuos mineiros de San Finx. así como da existencia de vertidos contaminantes.
Os imputados afirmaban no ano 2019 que “os depósitos de residuos eran parte dunha central hidroeléctrica inexistente”. Un ano despois, informaron que a maior das presas, que pecha un val fluvial cun muro de formigón de 50 metros de lonxitude e 14 metros de alto, “era para un muíño de millo”.
Os mesmos funcionarios e altos cargos tamén emitiron informes negando que fose necesario someter a explotación mineira a unha avaliación de impacto ambiental, o que finalmente contradicía outra enxeñeira de minas da propia Xunta.
A Confraría de Noia alerta de que estes feitos son de extrema gravidade pois colocaron en risco a integridade dos bancos de marisqueo da ría ao dar continuidade a unha situación temeraria.
A propia Augas de Galicia alertou que o colapso da maior das presas mineiras provocaría un gran impacto ambiental, que segundo a Confraría “xa estaría eliminado de non ser polas continuas mentiras de funcionarios e altos cargos da Xunta que tentaban eximir á empresa mineira das súas responsabilidades”.
As presas de residuos constaban nos Plans de Labores da mina, e no propio Inventario de Balsas de Residuos Mineiros elaborado pola Xunta en 1999, ata que no ano 2000 se deixaron de presentar.