O Ateneo de Santiago organiza a partir do martes 13 de xaneiro un ciclo de cine galego que se desenvolverá na Rúa do Vilar, 19. As sesións celebraranse todos os martes ás 19 horas e combinarán a proxección das películas cunha presentación inicial e un coloquio posterior nos que participarán persoas convidadas vencelladas a cada filme.
Baixo o rótulo Cinema galego do século XXI, o ciclo do Ateneo reúne unha selección de títulos recentes, producidos maioritariamente nos últimos dez anos, que permiten achegarse ás principais tendencias, linguaxes e miradas do audiovisual galego contemporáneo.
O ciclo abrirase o martes 13 coa proxección de Ons, que contará coa presenza do seu director, Alfonso Zarauza. A programación continuará o 20 de xaneiro con Arima, coa participación da actriz protagonista Melania Cruz, e o 27 de xaneiro con La isla de las mentiras, presentada pola súa directora, Paula Cons.

Xa en febreiro, o martes 3 proxectarase Mimosas, cun coloquio a cargo de Iván Villarmea, profesor de Historia do Cine da USC, que tamén introducirá a sesión antes da proxección. O martes 10 de febreiro continúa o ciclo con O corpo aberto, acompañada pola súa directora Ánxeles Huerta, e o martes 24 de febreiro, con Matria, que contará coa presenza do seu director, Álvaro Gago, encargados igualmente de presentar os filmes antes do seu pase.
A última xornada, en colaboración coa Fundación Carlos Velos, pechará o ciclo cos filmes Raíces e La tierra del chicle, de Carlos Velo, ambos presentados por Xosé Ramón Pousa. O ciclo pretende achegar ao público distintas miradas e linguaxes do cine galego actual, ao tempo que fomenta o diálogo directo entre creadoras, creadores, intérpretes, especialistas en cinema e espectadores a través das presentacións e dos coloquios posteriores ás proxeccións.
