A charla de Bragado no Ateneo forma parte dunha colaboración da federación de Galicia na que en cada cidade falarase doutra como un xeito de xerar unión e coñecemento en Galicia

O localismo pode ser un problema, algo que se ten dado en distintas temas. A Federación de Ateneos colabora nunha serie de charlas nas que persoeiros dunhas cidades acudirán a outras para falar da súa vila, romper a barreira do localismo, e que o luns chega ao Ateneo de Santiago.
Este luns, 26 de maio, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago acollerá, dentro de este proxecto e coma sempre na Rúa do Vilar, 19, a conferencia “Rompendo as barreiras do localismo: Vigo en Santiago”.
O acto estará protagonizado por Manuel Bragado, escritor, editor e mestre vigués cunha longa traxectoria no ámbito cultural galego. Na súa intervención, Bragado convidará a reflexionar sobre os vínculos e as tensións entre o local e o nacional, tomando como exemplo o caso de Vigo, cidade á que leva décadas dedicando artigos, estudos e proxectos de divulgación cultural.
O relator repasará a historia recente da cidade olívica desde unha perspectiva literaria e social, afondando no seu papel como motor cultural e na súa relación con outros centros como Santiago de Compostela.
Manuel Bragado (Vigo, 1959) é unha das voces máis activas do panorama editorial e pedagóxico galego. Foi director de Edicións Xerais de Galicia durante máis de dúas décadas e leva anos desenvolvendo un traballo comprometido coa cultura desde múltiples frontes: como orientador escolar, como articulista en Faro de Vigo e como autor de libros sobre a cidade, entre os que destacan Vigo, puro milagre (2019) e Vigo, abella da ribeira (2023). A súa voz é tamén moi coñecida no mundo dixital grazas ao blog Brétemas, referencia para o seguimento da actualidade literaria e educativa galega.