A conferencia serve para pechar o ciclo de charlas do Ateneo por esta tempada. Juan Casares é científico e foi rector da USC entre 2010 e 2014.

Este luns, 16 de xuño, ás 19.30 horas, o Ateneo de Santiago celebrará na Rúa do Vilar, 19, a última conferencia dos Luns do Ateneo do curso 2024-2025. O acto correrá a cargo do exreitor da USC, Juan Casares, e leva por título «Creando novos futuros: a gran transición».
A conferencia no Ateneo abordará os desafíos ambientais que afronta a humanidade e as alternativas que propoñen os expertos para construír un futuro sostible. Na súa intervención, Casares debullará a idea de que o actual modelo de vida é insostible, describindo os límites planetarios que xa están a ser superados pola actividade humana.
Casares Ilustrará no Ateneo esta realidade con exemplos concretos como o incremento do nivel do mar ou os eventos extremos vinculados ao cambio climático. Ademais, achegará propostas e medidas que se están a considerar dende a comunidade científica para reverter a situación e manter a habitabilidade do planeta dentro de marcos viables.
Juan José Casares Long é un recoñecido científico e xestor con traxectoria internacional. Foi Reitor da USC entre 2010 e 2014, tras unha carreira académica como catedrático en varias universidades españolas e experiencia profesional tanto no sector industrial como na administración pública. Fundador de Meteogalicia e membro do Club de Roma, o seu perfil combina o coñecemento científico coa reflexión estratéxica sobre os retos globais actuais.