Compostela, 26 de xuño do 2019 – A vindeira semana regresa o ciclo Atardecer no Gaias que leva a praza central da Cidade da Cultura concertos das últimas tendencias musicais.
O Atardecer no Gaias 2019 terá hip hop, cumbia, trap, indie, electrónica ou rock, e afianza a aposta polas voces femininas, A actualidade musical galega continúa a ter un peso importante con 8 actuacións, entre as que se atopan Agoraphobia, De Vacas ou Berta Franklin. Comezará o 4 de xullo e durará ata o 17 de agosto tódolos xoves, venres e sábados e a hora de comezo será sempre as 9 da noite.
O cartel de Atardecer no Gaiás pretende reflectir e recoller unha escolma da actualidade musical, tanto a nivel internacional como galega, que conta cun peso relevante e de estilos variados, cun total de 8 artistas/formacións na programación.
Artistas nacionais e internacionais
Este ciclo tamén trae á Praza Central do Gaiás artistas do eido nacional que están a triunfar, como é o caso de Cecilia Krull, que abrirá o ciclo o xoves día 4. O jazz desta madrileña valeulle discos de Ouro en Francia e Platino en Italia, onde os seus temas teñen estado liderando as listas das emisoras, xa que é a autora e a intérprete de My life is going on, coñecida canción da serie de éxito La Casa de Papel.
No eido internacional, Atardecer no Gaiás musicará solpores a ritmo de trap, hip-hop, dance e cumbia. Trátase de propostas que convidan ao baile, nas que se atopan os mexicanos Kumbia Boruka, o venres 5 de xullo, ou Miss Bolivia, o día 17.
Voces femininas
O cartel desta edición volve confirmar a aposta do ciclo polas voces femininas, como son as potentes Kumbia Queers da Arxentina, o 9 de agosto, e tamén por xéneros emerxentes con éxito entre a xeracións máis novas, como o flamenco-pop de Las Migas, 10 de agosto.
Neste cartel non se esquecen estilos xa imprescindibles neste ciclo ao solpor como son o indie (Floridablanca, 26 de xullo, Ladilla Rusa, 19 de xullo, ou Monterrosa, 3 de agosto) o pop e o rock, no que sempre hai unha fiestra aberta para grupos galegos emerxentes, como son os lucenses Berta Franklin, 27 xullo, os composteláns Malraio, 2 de agosto, o pontevedrés Soulmacklein, 13 de xullo, ou os Best Boy 17 de agosto. Esta formación de Tui pechará o ciclo Atardercer no Gaiás 2019, que se despedirá co reto de manter a cifra récord que se acadou na pasada edición, na que se superaron os 16.000 asistentes.