Bisbarra, 29 de setembro do 2021 – Coa presenza de colectivos de toda a bisbarra e varios alcaldes celebrouse en Santa Comba o primeiro Encontro Intermunicipal sobre os proxectos eólicos en marcha.
Na reunión do pasado venres participaron a Coordinadora Bergantiñana pola defensa da terra, Quijote de Outes, Fonte Seca, APEOM, Ecoloxistas en acción Galiza Costa da Morte/Ortegal, Asociación Cultural Larada, BerXallas Minaría Destrutiva Non, Patrimonio e Natureza, Plataforma contra os parques eólicos Bustelo, Campelo e Monte Toural e ContraMINAcción.
Tamén asistiron os alcaldes de Negreira, Manuel Ángel Leis, A Baña, José Antonio Pereira, Outes, Manuel González López, Val do Dubra, José Manuel Varela, e a alcaldesa de Santa Comba, María Pose.
Manifesto e mobilizacións
Os colectivos redactaron un manifesto que se entregará aos alcaldes e alcaldesas de todos os concello para que ratifiquen en sesión plenaria. Ademais, plantexan a proposta de acompañar aos rexedores á Xunta de Galicia para solicitar a paralización dos proxectos eólicos, mentres non exista unha normativa axeitada que poña en valor o rural, o patrimonio natural, e estea publicada no DOG, cousa que non ocorre co actual marco normativo.
O obxectivo, explican desde a organización, é acadar estratexias conxuntas, para así “frear a avalancha de proxectos eólicos que poñen en risco unha área enorme da provincia da Coruña”.
Tamén iniciarán unha serie de mobilizacións en protesta pola sobresaturación de proxectos, que comezarán o día 2 de outubro en Paxareiras. A ela estarán convidados os alcaldes, deputados e un número importante de colectivos.