Padrón, 18 de maio do 2017 – O Club Ciclista Padronés triunfa no Campionato Galego de Contrarreloxo, celebrado este mércores en Baños de Molgas, coa vitoria absoluta de Aser Estévez na proba e suma unha medalla de ouro e dous de prata.
Aser Estévez revalidou o seu título e coróase un ano máis campión galego de contrarreloxo seguido do seu compañeiro Samuel Rodríguez que leva este ano o título de subcampión galego, ambos en categoría elite. Miguel Mera, actual líder da Copa Galicia Cadete, alzouse subcampión da súa categoría sendo este ano precisamente o seu debut na proba.
Aínda que a cita este ano repetía localización, o trazado era diferente, con 11,4 quilómetros de constante ascensión e cun repecho inicial que só os máis fortes puideron dominar. Así, Estévez, que se converte con esta vitoria en decacampeón galego desta modalidade, non só revalidou o seu título, senón que se impuxo vencedor xeral da proba completando o percorrido en 17 minutos e 11 segundos, 38 segundos máis rápido con respecto ao segundo clasificado, Diego Tirilonte (Rías Baixas).
A clasificación xeral completa e por categorías, dispoñible na ligazón da Federación Galega de Ciclismo: http://www.fgalegaciclismo.es/sites/default/files/cri_1.pdf