Padrón, 28 de agosto do 2017 – Bo fin de semana para Aser Estévez (Cortizo-Anova) que tras proclamarse vencedor absoluto do GP Cidade de Vigo sitúase líder na Copa de Galicia.
O díptico constaba de cinco probas para categoría elite e sub23 repartidas entre o sábado e domingo. No evento tamén participaron escolas, infantís, cadetes e xuvenís do Club Ciclista Padronés.
A primeira xornada daba comezo á primeira hora da tarde do sábado. Inauguraban a proba os alevíns á vez que promesas e principiantes, mentres que a categoría elite e sub 23 alternaba as súas 3 probas puntuables desa tarde entre as categorías inferiores. Primeiro tivo lugar a proba de fondo, cun total de 20 voltas ao circuíto que deixaron a Aser Estévez ás portas da vitoria cun segundo posto. Na segunda proba de elite e sub23 debían dar 15 voltas ao circuíto con espríns especiais cada 3, sendo o corredor guardés o gañador desta manga. A última proba do sábado era americana, caendo os dous últimos de cada volta eliminados. Aser Estévez aguantou ata as últimas voltas quedando en cuarta posición. Ao final do sábado, o corredor do Cortizo-Anova subíase ao segundo caixón do podio da clasificación xeral e vestíase a camisola de líder da Copa de Galicia.
O domingo pola mañá os corredores enfrontábanse a unha cronoescalada entre Pórtaa do Sol e O Castro (3,5km) e unha segunda proba de circuíto na zona do Castro, tanto para os elite e sub23 como para junior e mulleres. Nesta segunda xornada do díptico, Aser Estévez seguiu sumando puntos cun terceiro posto na cronoescalada (a tan só 3 segundos do primeiro clasificado e centésimas do segundo) e sexto posto no duro circuíto ao redor de O Castro. O cómputo global de puntos acumulados ao longo do fin de semana alzou ao guardés coa vitoria absoluta da proba, proclamándose vencedor do GP Cidade de Vigo-Díptico de Galicia. Ademais, volveu vestir a camisola da Copa de Galicia, afianzando a súa posición de líder.