Teo, 29 de xuño do 2019 – O último atranco para que Teo teña un novo pacto de goberno quedou resolto na asemblea celebrada polas bases socialistas.
Psoe e Son de Teo tiveron desde o primeiro momento diferenzas que levaron ao BNG a apartarse das mesas de negociación. A diferenza co 2015 era evidente xa que si o grupo de Rafa Sisto sacaba máis votos a noite electoral dáballe o mesmo número de concelleiros a Uxía Lemus. O pacto de goberno tería que pasar por un acordo máis igual entre ambas as dúas formacións.
Tras a primeira fase que concretou que o alcalde seguiría sendo Rafa Sisto chegou a hora de distribuír dedicacións e áreas. As posturas foron acercándose ata quedar pendentes dunha media dedicación máis, a da persoa de confianza do alcalde.
Rafa Sisto consideraba que o rexedor precisa dunha persoa a xornada completa “Quen entende que un alcalde de case 20.000 habitantes non conte a tempo completo cunha persoa que atenda as chamadas, concerte e prepare citas, negocie axendas con outras institucións ou atenda a prensa?” e poñía de exemplo a Ames, Oroso ou Santiago.
O Psoe consideraba que era posible facer máis con menos e era partidario de axustar o máximo posible os recursos do equipo de goberno. Quedou todo pendente da asemblea que as bases do partido celebrarían onte venres.
Finalmente as bases socialistas aceptaron a proposta de Son de Teo. O certo é que ambos partidos recoñecen que durante os últimos catro anos traballouse en boa sintonía. Pese o acordo o novo goberno terá que ter sempre presente ao BNG xa que un no en calquera asunto sumado ao do PP faría que perderán a votación.
Resta por saber a distribución de áreas e dedicacións, 6 máis un cargo de confianza. O pleno de organización ten por lei que ser antes do 15 de xullo pero espérase que se convoque canto antes para poder comezar a traballar.