Compostela, 19 de outubro do 2020 – Hoxe luns o Ateneo de Santiago ten programada unha nova conferencia de Os Luns do Ateneo, onde o coñecido comentarista político Antón Losada analizará as eleccións estadounidenses, baixo o título “USA 2020. O pesadelo americano”.
A cita cun novo Luns do Ateneo será como sempre as oito da tarde na Rúa do Vilar 19. Como é obrigado pola situación de crise sanitaria todo aquel que desexe asistir deberá inscribirse previamente no enderezo ateneo@ateneodesantiago.com. Para aqueles que non logren obter praza na sala de conferencias terán a opción de seguir o acto en directo a través do facebook da entidade.
Antón Losada é Doutor en Dereito pola Universidade de Santiago, profesor titular de Ciencia Política no departamento de Socioloxía e Ciencia Política desa universidade dende 1998 e ten un máster en xestión pública pola Universidade Autónoma de Barcelona. Participou en diversos parladoiros radiofónicos da Cadena SER e escribiu artigos no xornal electrónico Xornal.com, en La Opinión e El Periódico de Catalunya. A mediados dos anos noventa ocupou a dirección de Radiovoz en Madrid. Tamén ten colaborado en diversos programas de radio e televisión, entre os que destacan os programas humorísticos Unha de romanos e A familia Mudanza na TVG, a serie Composteláns dirixida por Xosé Manuel Pereiro, e foi o presentador do programa Bule Bule, dirixido por Antón Reixa. Compuxo letras para temas de Siniestro Total e Os Resentidos, así como unha peza de teatro, Qué é das dependentas dos grandes almacéns ó faceren os cincuenta?, para a compañía Pífano.
No ámbito político foi Secretario xeral de Vicepresidencia e de Relacións Institucionais no goberno bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño e que tiña como Vicepresidente a Anxo Quintana.