Compostela, 15 de xuño do 2019 – A nova edición do ciclo musical Música no Camiño, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, programa ata o mes de agosto máis de 20 actuacións de Bandas Populares na praza de Praterías de Compostela.
Esta fin de semana terán lugar os dous primeiros concertos. Hoxe actuará a Unión Musical Ponteledesma, dirixida por Roberto Hermida, e mañá domingo a Banda de Música Cultural de Teo, baixo a batuta de Álvaro Varela, en ambos casos, ás 20,30 horas. Como sempre Música no Camiño desenvólvese entre xuño e agosto con concertos gratuítos abertos ao público en xeral, especialmente dirixidos aos peregrinos que chegan á etapa final do Camiño de Santiago. Os repertorios incluirán obras populares galegas, música contemporánea para banda e adaptacións de música moderna.
Na edición deste ano a Consellería de Cultura e Turismo colabora coa Federación Galega de Bandas de Música Populares a través dun investimento de 60.000 euros que fará posible a participación dunha vintena de agrupacións que difundirán a cultura xacobea promovéndoa entre galegos e visitantes que viaxan á Comunidade durante o verán.
Este programa responde á intención de fortalecer a cidade como meta, un dos compromisos incluídos no Plan Director do Camiño de Santiago. Esta folla de ruta da Xunta vén desenvolvendo importantes melloras coa vista posta no Xacobeo 2021. A liña de actuación para reforzar o papel da capital galega inclúe a mellora dos seus elementos patrimoniais, optimización de infraestruturas e mellora dos servizos de atención, así como a posta en marcha de iniciativas de carácter cultural e turístico que dinamicen a experiencia dos peregrinos.
PROGRAMACIÓN DE MÚSICA NO CAMIÑO 2019
Lugar: Praza de Praterías
Horario: 20,30 horas
15 xuño. Unión Musical Ponteledesma
16 xuño. Banda de Música Cultural de Teo
22 xuño. A Lira de Ribadavia
23 xuño. Banda de Música Unión de Guláns
6 xullo. Banda Artística de Merza
7 xullo. Banda de Música da Vertula
2 agosto. Banda de Música Isabel II de Touro
3 agosto. Banda de música da UVCD de Candeán
4 agosto. Unión Musical de Valadares
9 agosto. Banda de Música Municipal de Caldas de Reis
10 agosto. Banda de Música Xuvenil de Torroso
11 agosto. Banda de Música Sementeira de Cambre
16 agosto. Unión Musical de Tenorio
17 agosto. Agrupación Musical Artística de Arcade
18 agosto. Agrupación Musical de Vincios
23 agosto. Banda de Música Popular de Rubiós
24 agosto. Banda de Música de Santádega
25 agosto. Banda Unión Musical de Meaño