Este xoves remata a programación do “Xardín de contos” cunha sesión de cine familiar con merenda.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza, dentro da programación cultural do verán, a terceira e derradeira sesión do programa de animación á lectura O Xardín dos Contos.
En esta ocasión trátase dunha sesión de cine familiar con merenda este xoves, 4 de setembro, dirixida especialmente a público infantil. Despois das funcións levadas a cabo nos meses de verán, a proxección da película “Donde viven los monstruos” pechará o programa a partir das 18:00 h. na Casa de Correos.
“Donde viven los monstruos” é unha adaptación dun conto para nenas e nenos de Maurice Sendak. Cando Max, un neno desobediente, é enviado á cama sen cear, somérxese nun mundo imaxinario creado por él e que está poboado por feroces criaturas que lle obedecen cegamente.
Os nenos e nenas que participen estarán convidados a unha pequena merenda. A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade do local.
O concelleiro de cultura, José Luís García, agradece “ás familias que teñan participado neste programa durante o verán e no resto de actividades dirixidas a público infantil e familiar”. Anima tamén “á participación este xoves para fomentar entre todas e todos a lectura entre o público máis cativo”.
