Bisbarra, 15 de xaneiro do 2024 – Augas de Galicia ven de eliminar un punto de vertido de augas residuais industriais no concello de Arzúa.
O vertido foi localizado nunha das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Os inspectores constataron un punto de vertido de orixe industrial cara ao dominio público, como consecuencia dunha acometida errónea das canalizacións das ditas augas cara á condución de augas pluviais.
Augas de Galicia instou ao titular das instalacións a levar a cabo as accións necesarias para emendar a situación.
Nunha nova inspección á zona, os técnicos comprobaron a través dunha analítica a eliminación do punto de vertido, logo de levar a cabo os responsables da instalación o selado da acometida errónea, emendando por completo as achegas contaminantes cara á rede pluvial.