Arzúa, 21 de outubro do 2020 – O concello de Arzúa recibiu onte a visita da Subdelegada do Goberno, Pilar López, para falar de distintos proxectos co alcalde, José Luís García, e a concelleira de Obras e Servizos, Begoña Balado.
Un dos traballos que recibirá apoio do goberno será a rehabilitación da Antiga Casa de Correos de Arzúa, unhas obras que se espera que poidan comezar o vindeiro mes de decembro. As obras de acondicionamento e mellora do inmoble, situado en pleno casco antigo da vila, era unha materia pendente dende hai anos. As actuacións, promovidas dende o Ministerio de Transportes, permitirán a mellora do edificio e a súa contorna para convertelos nun espazo destinado ao desenvolvemento de actividades culturais. O prazo de execución está fixado en dez meses.
O goberno municipal de Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE foi o que decidiu destinar á rehabilitación da Casa de Correos os aproximadamente 600.000 euros que costará esta actuación, aínda non sendo o concello o propietario do inmoble pero conscientes do escaso interese da Xunta de Galicia en priorizar esta actuación.