Bisbarra, 21 de setembro do 2023 – O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, ven de enviar unha carta ao Xerente do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, na que reclama melloras na gardería e un centro de día para o concello.
O alcalde de Arzúa solicita unha reunión para tratar as necesidades do municipio, en especial o centro de día “Como alcalde son consciente da necesidade deste servizo público no noso concello. Arzúa ten un 30% da poboación en idades de máis de 65 anos, temos a obriga de garantirlle as e aos nosos maiores un espazo onde poidan estar coidados e con benestar, e que as súas familias poidan estar tranquilas e conciliar a vida familiar e laboral”.
O rexedor solicitará no encontro este investimento por parte da Xunta de Galicia “Queremos que a Xunta de Galiza dispoña o orzamento necesario para dotar ao noso Concello dun Centro de Día público, dependente do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar, que se sume á rede de Centros de Día que este ente xestiona en moitos Concellos, e evitar, así, que as familias de Arzúa teñan que desprazarse a outros municipios para poder conciliar”.
Así mesmo, o alcalde de Arzúa demanda tamén da Xunta de Galiza “que acometa algunhas melloras necesarias na Escola infantil Galiña Azul, de maneira que se resolvan os problemas de prazas que volvemos arrastrar nos últimos anos en Arzúa, xa que cada novo curso seguen quedando menores sen praza nesta Escola Infantil”.
Xoán Xesús Carril agarda poder manter esa reunión proximamente para trasladar de primeira man estas demandas ás persoas responsábeis deste ente e “acadar un entendemento mutuo para que se poñan en marcha estes proxectos e satisfacer, así, as necesidades de Arzúa”.