Bisbarra, 13 de febreiro do 2023 – A banda Apart ven de gañar o concurso Queixo Maquetón vinculado á Festa do Queixo de Arzúa que se celebrará en marzo.
Apart recibirá como premio 1.300 € ademais de actuar no Festival do Queixo o sábado 4 de marzo dentro da 48ª edición da Festa do Queixo. O Queixo Maquetón chegaba este ano á 14º edición e o ano pasado foi gañado polos composteláns Señor Salvaje.
A banda defínese como un grupo de rock influenciada polos sons máis 70s e incorporan sutís detalles de soul e disco nas súas cancións. Cunha visión actual, modernizan un estilo baseado en riffs de guitarra e melodías vocais, facendo vibrar ao público desde os primeiros minutos.
Apart nace en 2014 cando Inés Blanco regresa duns anos en Berlín, coñece ao resto da banda e xuntos deciden iniciar un proxecto musical que perdurará ata a actualidade.
“We Want It All” é o título do seu último traballo. O álbum trata de poñer en valor todo aquilo que nos une, mesmo cando as circunstancias nos manteñen separados. Todos os temas deste proxecto lanzáronse como singles e están acompañados de videoclips orixinais. As sesións comezaron en 2020 nos estudos Nakra da Coruña. Os temas foron masterizados por Robin Schmidt, quen traballou con bandas como The Black Keys e Mumford & Sons.
O seu primeiro escenario foi o festival carballés Rockin’ 2014. Un ano despois, en 2015 proclamáronse gañadores do festival “Dando a Lata”. Para a presentación de We Want It All a banda volveu aos directos no verán de 2021, xunto a M-Clan dentro do ciclo Orballo Cultural. Durante o inverno levaron o seu novo traballo por diferentes salas de Galicia, con moi boa acollida en todas elas. Entre as citas estivais de 2022 destacan o Caudal Fest, Feito A Man ou Rueiros da Vila.
Xurado 2023
O xurado desta edición estivo composto por José Ramón Bernárdez, de Radio Arzúa, Alberto Alfonso, director do festival do queixo e Nonito Pereira, investigador e divulgador musical determinou despois de escoitar a todos os grupos e escoller os finalistas, que Apart fora finalmente a banda gañadora desta edición.