Arzúa, 3 de xullo do 2020 – O concello de Arzúa inicia esta tarde a programación cultural do verán cun cinefórum en torno a proxección da curtametraxe “trala porta”, protagonizada pola actriz arzuá Lidia Veiga.
Arzúa debate con esta cita sobre a diversidade sexual que celebra o seu Día Internacional. O cinefórum complementa o programa provincial impulsado pola Deputación da Coruña dentro da campaña “Ser e sentir”.
Os protagonistas da curta, Lázaro e Chloé, viven unha realidade que é común a moitas persoas, onde tanto por influencia familiar como pola presión social, vense subxugados a vivir unha vida que non lles pertence. Esta produción acadou varias seleccións oficiais, entre as que destacan a candidatura aos Premios Mestre Mateo 2020, a nominación a Mellor Deseño Sonoro nun festival de Romanía e a selección en certames de lugares como a República Dominicana, Ourense ou Arxentina.
Despois do visionado terá lugar un coloquio moderado polo técnico de cultura Marcos Pampín no que participarán Lidia Veiga, o director Alejandro Rodríguez e o público asistente. Esta cita terá lugar na Aula 3 do Multiusos Terra do Queixo ás 20:00h e celebrarase garantindo todas as medidas de hixiene, control de aforamento e distancia entre persoas.