Arzúa, 24 de xuño do 2021 – A concellaría de Cultura de Arzúa, que dirixe a edil Aurora Varela, vén de dar a coñecer o programa de actividades para este verán que comezará o vindeiro día 28.
O departamento de Cultura decidiu manter o esquema de actividades do pasado ano que, explican “resultou moi positivo e totalmente seguro para o público asistente”. As actividades de verán de Arzúa están pensadas, din “para adaptarse aos protocolos que se vaian establecendo dende a Xunta de Galicia”.
A programación arrinca o luns 28 coa conmemoración do Día da diversidade sexual, cunha proposta que complementa o programa provincial Ser e sentir impulsado pola Deputación da Coruña. O Concello organiza unha sesión de cinema coa proxección da película Call me by your name (Chámame polo teu nome), un drama romántico que trata a homosexualidade nos anos 80. Foi nominada a catro premios Óscar e alzouse co de mellor guión. Esta cita terá lugar no Telecentro ás 20:00h coa entrada libre ata completar aforo.
A animación das feiras de xullo e agosto será outro dos puntais deste programa contando con actuacións itinerantes para evitar aglomeracións e ao mesmo tempo dinamizar o propio mercado, as rúas e prazas da vila. Na feira do xoves 8 de xullo actuará O Bringuelo e na do 22 Herba Grileira. Nos mercados de agosto a quenda será para A Maristela e Luar das Augas.
O xoves 22 de xullo dará comezo un novo Ciclo de música ra rúa En aberto co primeiro dos cinco concertos ao aire libre, un máis que en anos anteriores e que terán lugar na Praza de Galiza. Rubens Consort será o grupo encargado de abrir esta edición cunha proposta de música de cámara a cargo deste trío de corda. Neste ciclo tamén se subirá ao escenario Aldara o 29 de xullo, MJ Pérez, Sabela King Trío e Acordeireta no mes de agosto.
A praza da vila acollerá tamén o domingo 25 de xullo a decimocuarta edición de Arzúa Viva. As actividades de lecer e varios obradoiros de cultura urbana sucederanse durante toda a tarde para público infantil e para a mocidade. Nas vindeiras semanas ampliarase información sobre esta xornada.
A programación de verán completarase coas exposicións na Capela da Madanela de Bo Camiño no mes de agosto e Arte na rúa en setembro. Tamén se levará a cabo a segunda edición do Serán Cativo o 31 de agosto despois da boa acollida desta novidade no verán anterior. Nesta ocasión contará cun obradoiro de xogos tradicionais e co espectáculo de música e contos de tradición oral titulado A formiga no carreiro.