Arzúa, 30 de maio do 2019 – O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa ven de dar coñecer o amplo programa de actividades para este verán que se desenvolverá durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.
O concello disfrutará este verán de actuacións musicais, actividades de dinamización nas feiras do 8 e 22, propostas deportivas, novas excursións dentro do programa Coñece o teu país e outras como contacontos ou exposicións.
Hoxe comeza xuño
A actividade cultural do mes de xuño arrinca hoxe coa inauguración dunha nova mostra colectiva na Capela da Madanela. Chámase Bacabú, naceu no ano 1998 cando os artistas Bordell, Santiago Catalán, Jorge Espiral, Honorio e Xermán Refojo fundan unha sala de exposicións no centro de Lugo; por ela pasou ata o 2002 o máis representativo da arte galega. Cinco artistas que se inician nos anos 80 na banda deseñada. A exposición inaugurase ás 19:30 e permanecerá ata o 15 de xuño en horario de 18:30 a 20:30 de luns a venres.
Esta actividade abre á programación que continuará o sábado 22 co inicio do programa Músicas a pé de feira que traerá este ano actuacións de diversos estilos a cargo de grupos nos que a muller ten un papel de peso. Nesta xornada poñerá a música The Teta`s Van na entrada do Multiusos Terra do Queixo a partir da unha do mediodía. Outra das propostas será a celebración do festival de fin de curso de O Bringuelo coas demostracións de baile tradicional, percusión, gaita, acordeón, canto, pandeireta e teatro o sábado 29 a partir das oito da tarde.
O venres 28 Arzúa conmemorará o Día das Diversidades Sexuais en apoio ao colectivo LGTBQI con actividades de sensibilización e reparto de material divulgativo. Ás dez da noite proxectarase na Praza de Galiza o filme La chica danesa, que fala da identidade de xénero contando como o pintor Einar Wegener descobre que se sente muller e, co apoio e axuda da súa esposa, convertese nun dos primeiros casos na historia en someterse a unha cirurxía de cambio de sexo. En caso de mal tempo, esta actividade pasará a celebrarse no Multiusos Terra do Queixo.
Por último, para pechar a programación correspondente ao mes de xuño, o sábado 29 terá lugar a primeira excursión do programa Coñece o teu país deste 2019 na que se visitará o municipio de Camariñas. As inscricións para anotarse a esta viaxe abriranse o vindeiro día 21.
A programación de verán continuará nos meses de xullo, agosto e setembro dando continuidade a programas de éxito iniciados en anos anteriores como Arzúa Viva, a exposición Bo Camiño, o ciclo de música na rúa En aberto ou o certame de contacontos Contos na Biblioteca.