Arzúa, 24 de xuño do 2020 – O goberno municipal do Concello de Arzúa traballa nun programa de conciliación para as familias baixo o nome de Aula de Lecer e co obxectivo de que poda funcionar este verán.
A Aula de Lecer de Arzúa ofrecerá ofrecerá ás familias, nas que teñan que traballar ambos proxenitores, un programa que, baixo un modelo de clase, traballará desde un aspecto lúdico diversas temáticas.
As circunstancias que deron lugar ao decreto de Estado de alarma en España, así como a necesidade de continuar con medidas de protección e seguridade, para evitar contaxios e propagación do Coronavirus, impediron a continuidade das clases no período educativo regulado.
Este ano, ante a imposibilidade de facer un campamento de xogos e diversión, o concello considera imposible dar continuidade ao XOGARZÚA ; motivo polo que o goberno municipal traballou nos últimos días no desenvolvemento dunha iniciativa que axude ás familias na súa conciliación ao tempo que cumpra con todas as medidas de prevención, saúde e seguridade.
As nenas e os nenos que participen na Aula de Lecer estarán sentadas nas súas cadeiras e mesas individuais, e coa separación axeitada, abordarán diversas temáticas dende un aspecto máis lúdico. Non terán lugar xogos de contacto, mais si outro tipo de xogos e haberá saídas ao exterior.
O número de prazas por aula, axústase á normativa estatal e autonómica actual.
Requisitos
Ao programa terán os menores empadroados que teñan entre catro (escolarizados) e doce anos, ambos inclusive, na data de solicitude. O horario da Aula de Lecer será de mañá, con posible entrada en diferentes horas, ás 08:45, ás 09:00 e as 9:30 h, para facilitar a conciliación, e saída ás 13:15, ás 13:30 e ás 14:00 h. Aquelas familias que necesiten unha entrada en horario anterior ou unha saída en horario posterior deberán riscar o apartado e xustificar a necesidade. A hora de entrada e de saída será a que se sinale na inscrición. Calquera cambio na hora de entrada deberá ser solicitado e autorizado polo CIM. O programa Aula De Lecer desenvolverase do 1 de xullo ao 4 de setembro, e distribuirase por semanas. Os días festivos non haberá programa.
Ademais de estar empadroados no concello, tanto o neno como o pai que inscriba ao rapaz, será preciso que ambos proxenitores, ou no caso de familias monoparentais, a/o proxenitor custodio, traballen no horario da Aula De Lecer. Primarase no caso de superar o número de aforo, a aquelas familias que traballen de maneira presencial sobre aqueles que realicen teletraballo.
Se non cumpre estes requisitos, pero necesita este programa, xa que a familia non ten medios para conciliar, deberán cubrir a solicitude no apartado outras incidencias, explicando o seu caso particular e será chamado polo persoal técnico para analizar a súa situación.