Arzúa, 30 de abril do 2019 – O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que, con motivo da proximidade da segunda Feira do Libro, a organización xa ten pechada a relación de expositores participantes entre os que se atopan librarías, editoriais, deseño gráfico, postos de coleccionismo e particulares.
Na II Feira do Libro de Arzúa poderanse ver e mercar libros, vinilos, cd`s, xoguetes educativos e outros artigos novos, de ocasión, de segunda man ou descatalogados. A ubicación aerá na Rúa Cima do Lugar por onde transcorre o trazado do Camiño Francés, a carón do Albergue Municipal e da Capela da Madanela, espazo este último que tamén servirá como escenario de diferentes actividades. En caso de mal tempo, o mercado trasladarase ao Multiusos Terra do Queixo.
A cita arrincará o sábado día 4 de maio ás 11:00h da mañá co inicio do mercado, coincidindo coa apertura do espazo infantil que contará con inchables, flocos de millo e agasallos durante toda a xornada. Pola mañá a feira estará aberta ata as dúas do mediodía.
Pola tarde, desde as 17:00h, reabriranse as actividades e as 18:00h actuará Paco Nogueiras co seu último espectáculo Radio Bulebule dirixida ao público infantil e familiar. Trátase dunha función baseada no novo libro-cd de Paco publicado por Kalandraka, con ilustracións de David Pintor e videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo. O medio radiofónico inspira as doce pezas deste novo traballo no que as cancións dispóñense ao xeito da grella de programación dunha peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades, faladoiro, noticias, información deportiva e ata previsión meteorolóxica.
Ás 20:00h realizarase un sorteo dun lote de libros que servirá como peche da feira. A organización facilitará aos expositores as rifas para entregar ao público co fin de participar en dito sorteo tan só por visitar e mercar na feira.