Bisbarra, 1 de marzo do 2024 – O concello de Arzúa instalará unha pantalla led para que os concertos do festival do queixo se poidan ver fora do recinto e ampliar así o aforo.
A pantalla estará situada na Praza de Galiza o sábado 2 de marzo, e poderán seguirse os concertos de Tu Futura Exmujer, La Plazuela, Arde Bogotá e Grande Amore. A idea nace ante a previsión do concello de Arzúa de recibir un elevado número de visitantes, especialmente na noite do sábado.
Debido á demanda de público prevista, o festival instalará unha pantalla próxima aos concertos ao vivo, que son de acceso libre e gratuíto e para os que non fai falta reservar entrada nin invitacións. Tal e como se indica nas condicións de acceso, publicadas na páxina web e redes sociais do evento, desde a apertura de portas, o sábado ás 21 h, poderase entrar libremente ata completar a capacidade as veces que se queira e pasar con comida.
En palabras de José Luís García, concelleiro de Cultura, “a normativa sobre a Organización de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia di que se debe controlar a capacidade no espazo dispoñible e os accesos nas rúas polas que se accede. Aínda en eventos sen acoutar, existe a obriga legal de controlar a dita capacidade en función no só do espazo onde se desenvolve propiamente o espectáculo, senón tamén en función da amplitude das rúas desde as que se accede”.
Neste senso, faise fincapé en que o motivo de que o recinto estea perimetrado e se realice control de asistentes, establecido nun máximo de 3.300 persoas, é evitar posibles avalanchas, e que no interior se introduzan vasos de cristal, botellas ou calquera obxecto perigoso. Así, no festival non se fai máis que cumprir co reflexado no Plan de Autoprotección ao que obriga a lei, debendo ter en conta a capacidade de evacuación do propio espazo.
É por iso, continúa o concelleiro, que “desde a festa encárgase un PAU (Plan de Autoprotección) porque para o festival temos unha carpa que abrangue mais de 1.500 persoas, polo que se está a cumprir estritamente coa normativa vixente. Deixamos as rúas adxacentes sen ocupar como vías de emerxencia para garantir que estean baleiras en caso da necesidade da chegada de medios de emerxencia, e por iso se delimita a contorna, do contrario sería perigoso e ilegal.
O que determina o aforo, é a superficie para o público e esta capacidade de absorción destas vías de evacuación, que é o número base co que se fai o cálculo da capacidade de 3.300 persoas.
Nas medidas de control e autoprotección, o Decreto 124/2019 do Catálogo de Espectáculos Públicos de Galicia establece que, a capacidade dos espazos abertos ao público establecerase cun cociente máximo de ocupación de 2 persoas por m2 de superficie dispoñible para o público. Así a normativa da Xunta de Galicia, de obrigado cumprimento, establece a capacidade neste número máximo de persoas que teñen cabida aplicando a fórmula de 2 persoas por metro cadrado.
Feitas as comprobacións técnicas oportunas, determinouse que a capacidade máxima do campo da feira de Arzúa en cumprimento destes decretos é de 3.335 persoas, polo que o acceso ao recinto limitouse a ese número máximo a fin de poder garantir a seguridade e evacuación en caso de emerxencia dos asistentes en cumprimento dos mencionados decretos.
Igualmente, engádese desde a organización, que en 2022 e 2023 aprobáronse dous novos decretos sobre o xa existente de 2019, sobre a organización de espectáculos públicos e actividades recreativas. Respecto a que se considera ou non un espazo delimitado a efectos de limitación de capacidade, o artigo 2.13 do Decreto 172/2022 di que un espazo delimitado é aquel espazo acoutado por peches, particións ou outros elementos perimetrais especificamente instalados para crear este espazo. Tamén se considerarán espazos delimitados aqueles que, a pesar de non estar acoutados por peches, teñan unha relación entre o número de persoas que ocupan un espazo non delimitado e a anchura en metros dos pasos para acceder ou saír (cociente de saídas RS) igual ou superior a 175 persoas, ou ben aqueles que teñan unha relación entre a súa superficie en metros cadrados e o número de persoas que o ocupan (cociente de persoas RP) superior a 2,5.
É dicir, se o número de persoas que poden entrar nunha praza aberta, sen acoutar, supera as 175 persoas por metro lineal das rúas que acceden a esa praza, para os efectos deste decreto considérase coma se fose un “espazo delimitado”. Do mesmo xeito, se a concentración de persoas ou “densidade de ocupación” superase as 2,5 persoas por m2, seríalle de aplicación o mesmo criterio, polo que habería que establecer un control de asistentes.
En resumo, finaliza o concelleiro, “tanto os decretos anteriores como o Decreto 226/2022 polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e as actividades recreativas de Galicia, e o Decreto 172/2022 polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección, obríganos a establecer as medidas de Control de capacidade e Autoprotección necesarias para o desenvolvemento seguro do evento, e así o fixemos”. Como se dixo onte por parte tanto da Subdelegación do Goberno como dos mandos da Garda Civil na Xunta Local de Seguridade, onde puxeron en valor o bo facer da organización da festa en canto a medidas de seguridade e prevención para o éxito do evento, Arzúa destaca como un “concello seguro” e considérase un referente a seguir para toda Galicia.