Bisbarra, 7 de novembro do 2024 – O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este venres a primeira actuación do mes de novembro incluída na programación cultural Outono a escena.

Un monólogo de Leti da Taberna será a primeira actuación en este mes do Outono a escena. Trátase dunha pez para publico adulto que leva por título “Enredada”.
Leti da Taberna trae o seu primeiro monólogo no que explora en ton irónico a nosa relación coas redes sociais e como nos inflúen no noso día a día. En galego e con perspectiva feminista, “Enredada” enche o escenario de luz e enerxía, provocando que o público se vexa identificado coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesmo.
Leticia Miraz, máis coñecida como Leti da Taberna, é taberneira de nacemento e sociosanitaria de formación. En maio de 2020 comezou a subir contidos a TikTok. A día de hoxe, acumula decenas de miles de seguidores nas redes sociais, converténdose nunha “taberneira virtual”. Utiliza a retranca para realizar crítica social dende unha perspectiva feminista e en galego e conta con milleiros de seguidores en Instagram e Tiktok.
A función comezará ás 21:00h. e será de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade. A apertura de portas realizarase media hora antes do inicio.
O concelleiro de cultura, José Luís García, anima “ás veciñas e veciños a participar neste espectáculo que promete unha velada chea de humor e gargalladas”.