Arzúa, 8 de xaneiro do 2018.- Dende hoxe os veciños do rural de Arzúa volven a contar nos seus centros sociais coas actividades que a concellería de Benestar Social achega para ofrecer unha alternativa de ocio e lecer ás persoas maiores.
As parroquias ás que se lle ofrece esta iniciativa seguirán sendo as mesmas que ata o de agora: A Castañeda, Boente, Vilantime, Pantiñobre, Oíns, Burres, A Mella, Viladavil, Dombodán e Viñós. Os veciños de cada unha delas deberán achegarse a cadanseu local social no horario habitual no que se viñan desenvolvendo as actividades; calquera persoa aínda que non sexa da propia parroquia pode participar das actividades achegándose ao local que lle sexa máis cómodo, xa sexa por horario, proximidade ou calquera outra razón.
A Concelleira de Benestar Social, Aurora Varela, anunciaba a pasada semana que o departamento da súa responsabilidade encargado deste proxecto de dinamización do rural tomara a decisión de trasladar esta iniciativa tamén á parroquia de Lema. En palabras da concelleira isto é posible “grazas a que agora os veciños de Lema xa dispoñen, dende hai unha semana, dun local social no que poder reunirse para disfrutar destas e doutras moitas actividades, algo que nos alegra e polo que, dende o goberno local, levabamos moito tempo traballando”.
Os veciños de Lema que desexen participar desta iniciativa de ocio e lecer pódense achegar ata o Centro Social Doctor Antonio Martínez de la Riva Labarta os xoves de cada semana ás catro da tarde.
Aurora Varela quixo salientar tamén o esforzo do goberno municipal por manter este tipo de iniciativas que axudan a dinamizar a vida no rural e que sempre supoñen un aliciente para o mantemento dunha vida activa sa e saudable.