Bisbarra, 22 de maio do 2024 – O concello de Arzúa poderá acondicionar e mellorar a para o Fonte da Quenlla grazas a unha subvención da Axencia Galega de Turismo.
A solicitude da axuda partiu da Concellería de Turismo de Arzúa. A responsable do departamento, Begoña Balado, expresa a súa ilusión por este proxecto, destacando que Arzúa foi dos primeiros concellos en solicitar esta axuda.
A concelleira de turismo explica que “O inicio do prazo de solicitudes comezaba o 29 de febreiro ás 12:00 da mañá, e nós rexistramos a petición ese mesmo día ás 12:01. Tiñamos os deberes feitos”. Balado engade que ”A mellora desta fonte histórica, cargada de tradición e lendas, é de gran importancia para a veciñanza. Preténdese nesta ocasión mellorar o estado actual da fonte, recuperando tamén este punto de encontro ao que numerosos veciños de Arzúa se desprazan a recoller auga cada día, propiciando así as relacións sociais da comunidade”.
O proxecto de acondicionamento incluirá a instalación de dous bancos integrados nos muros que conforman a fonte, os cales salvan o desnivel entre o viario actual e o predio superior. Ademais, contará con dous pousadoiros, unha lenda e unha papeleira lateral. Tamén se mellorará o solado actual, incorporando un solado de casqueiro de granito aserrado.
Este acondicionamento ten como obxectivo preservar o patrimonio cultural, e tamén proporcionará un espazo renovado para o encontro e desfrute da veciñanza.