Arzúa, 26 de xullo do 2021 – O concello de Arzúa continúa mellorando a promoción turística e tras impulsar o portal web o promocionará con códigos QR na hostalería local
Desde o concello facilitarase a todos os establecementos hostaleiros, casas rurais, albergues e restaurantes, un vinilo que conterá un código QR. Por medio do código todas as persoas que visiten Arzúa poderán acceder directamente á web www.turismoarzua.gal e atopar información acerca da súa historia, patrimonio, espazos naturais, cultura, aloxamentos, restaurantes, tendas …
Con esta ferramenta búscase darlle información ao público, tanto de orixe nacional coma internacional, que tradicionalmente cruza o territorio do concello peregrinando a Compostela por algún dos camiños de Santiago. As características da oferta turística de Arzúa, baseada na gastronomía e os espazos naturais, fai posible que cada día sexa máis palpable a recuperación de visitantes tras o parón que supuxo a pandemia.
A COVID-19 normalizou o uso dos códigos QR. Consultar a carta dun restaurante, acceder á versión web de aplicacións de mensaxería, conectarse a unha rede wifi ou utilizalo como método de acceso, son algunhas das aplicacións máis usadas destes códigos.
Na actualidade úsase de maneira xeneralizada entre a poboación. Esta é unha das principais conclusións que se desprenden da edición de 2021 do estudo ‘Mobile & Conectividad inte-ligente’ que elabora IAB Spain e que sinala que o 82,2% dos enquisados afirma que utilizou nalgunha ocasión códigos QR e só un 2% descoñece o que son.
En palabras de Begoña Balado, concelleira de Turismo, “esta iniciativa é novidosa e súmase a outras accións de promoción turística do noso concello. En Arzúa crúzanse tres rutas do Camiño de Santiago e o noso obxectivo é que sexa un destino turístico que englobe historia, gastronomía, paisaxes naturais, bos aloxamentos e comercio local. Arzúa ten moito que ofrecer”.