Arzúa, 2 de marzo do 2020 – Tres días de actividades cheas de público foron a mellor representación do éxito da 45º edición da Festa do queixo de Arzúa.
De todas a máis tenra foi o pregón de Benedicta, unha muller que se está a converter por dereito propio a mellor representante do rural galego. Benedicta falou das vacas, do queixo, do rural e louvou a Galicia e cada unha das súas verbas.
A continuación do pregón inaugurou un paso de vaca, o quinto que se coloca de xeito permanente en Galicia; un xesto que servirá, tamén en Arzúa, para reivindicar o rural. Benedicta pasou a maior parte do tempo facéndose fotos con todos os que o pedían, sen unha mala cara e sen desfalecer nin un momento.
Música do mellor

Os concertos foron outras das actividades que levaron máis pública á carpa instalada na Praza da Feira arzuana. O de Tequila supuxo unha volta aos 80, cancións recoñecidas e escoitadas mil veces pero que non deixan de emocionar.



O domingo Luar na Lubre puxo a nota máis folk, sinal de identidade do Festival desde os seus comezos.
Un éxito da organización
Tal como explicaba o alcalde, José Luís García, na rolda de prensa dada unha semana antes en Santiago, os cambios introducidos nos últimos anos foron todo un acerto. Desde a carpa, imprescindible xa, ata os dous días de concertos.
Na súa alocución, previa a intervención de Benedicta, García agradeceu a colaboración de todo o mundo e pediu algún remedio para que na fin de semana da Festa non chova porque “os ovos a Santa Clara non funcionan”.
Miles de persoas percorreron a Feira de produtos que acolleu queixos de todas partes e significou un ano máis unha oportunidade para probar e comprar algunha das mellores variedades locais e alleas.

