Bisbarra, 18 de febreiro do 2025 – O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa ven de presentar a programación do Entroido 2025.

Por unha banda, convócase o tradicional concurso de disfraces para o domingo 23 de febreiro ás 17:00 h. no Multiusos Terra do Queixo con máis de dous mil euros en premios para repartir entre catro categorías.
Despois do éxito d do Entroido de Arzúa en anos anteriores mantense a distribución das diferentes categorías. As comparsas, dun mínimo de nove compoñentes, optan a premios de 550, 300 e 150 euros.
Haberá un apartado de grupos de entre dúas e oito persoas con tres premios que ascenden a 300, 200 e 120 euros. Por último, establécense dúas categorías individuais, unha infantil de 0 a 17 anos e outra para adultos de 18 anos en diante. Os premios son de 120 e 80 euros para os primeiros e segundos postos, respectivamente de cada modalidade.
Co fin de fomentar a participación local, mantense tamén o premio Simpatía dotado de 100 euros dirixido a unha comparsa ou grupo do municipio que non acadara ningún dos premios anteriores e que sume a maior puntuación no apartado simpatía da valoración do xurado.
O concurso celebrarase de novo co público sentado e cos participantes facendo a súa intervención sobre escenario nunha gala que estará presentada polo humorista arzuán Xan Veiga.
Para participar no concurso de Entroido hai que inscribirse previamente no Departamento de Cultura ou chamando ao 981500222 tendo de prazo ata o 20 de febreiro, en horario de 8:30 a 14:00 h. Pódense consultar as bases que rexen o concurso na páxina web arzua.gal.
A programación completarase coa celebración do Baile de Entroido na tarde do martes 4 de marzo. Este ano celebrarase no Campo da feira e contará con inchables, obradoiros, chocolatada popular e coa actuación musical do grupo JB Son. En caso de mal tempo, as actividades pasarán a levarse a cabo no Multiusos Terra do Queixo.