Bisbarra, 7 de novembro do 2023 – O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, e o concelleiro de Facenda, Daniel Moscoso, reuníronse co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar Social, Perfecto Rodríguez, para solicitar investimentos no concello.
O representantes do goberno municipal reclamaron do Consorcio os investimentos necesarios na Escola Infantil de Arzúa. O concello encárgase do mantemento desde a sinatura do primeiro convenio no 2008 pero agora a instalación precisa de arranxos de máis calado.
Alcalde e concelleiro presentaron ao xerente do Consorcio unha serie de actuacións altamente demandadas dende fai tempo polas profesoras, nais e pais das crianzas, como o cambio do pavimento en 2 aulas, a substitución das portas e dos aseos para que cumpran a normativa vixente, a reposición da parte pendente da cuberta, a instalación dunha marquesiña na zona de acceso ao centro ou a substitución da lona que cobre o patio exterior ao contar con numerosas filtracións.
O xerente comprometeuse a enviar un técnico canto antes para poder valorar de primeira man as necesidades que lle trasladaron os representantes do Concello. “Alégranos que o Consorcio Galego se faga eco das nosas demandas. É necesaria a súa colaboración para realizar investimentos e ter unha Escola Infantil moderna e adaptada á normativa vixente. Esperamos que estas actuacións se acometan no próximo verán.” expresou o Alcalde Xoan Carril.
Por outra banda, á saída da reunión o Alcalde Xoán Xesús Carril mostrou a súa decepción ante a negativa do representante do Consorcio de incluír Arzúa dentro dos concellos onde se van construír Centros de Día, por consideralo inviábel.
Carril dixo que “ O 40% de poboación de Arzúa é maior de 60 anos, temos a obriga de dar resposta ás necesidades e servizos que demande a veciñanza de Arzúa e non deixaremos de solicitar esta infraestrutura” e engadiu que “o goberno municipal de seguirá a traballar para que Arzúa teña un Centro de Día, a pesares da negativa dada polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar Social da Xunta de Galiza.”