Arzúa, 21 de Nadal do 2017 – O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que nos vindeiros días repartirase entre a veciñanza o calendario para o ano 2018 de forma gratuíta.
Coincidindo coa Feira de Nadal, hoxe xoves, farase o primeiro reparto dos calendarios entre os asistentes ao recinto feiral a partires das once da mañá; nos vindeiros días farase unha nova quenda por diversos locais de Arzúa e tamén polas parroquias.
Os veciños que residan no casco urbano poderán recoller o novo almanaque na Casa do Concello, na Oficina de Cultura e Deportes e na Biblioteca Municipal. O calendario tamén poderá recollerse nos seguintes establecementos hostaleiros que colaboran cada mes colocando os carteis da programación cultural: Bar Pedrito, Casa Nené, Bar Praza, Parrillada Europa, Bar Ameixa, O de Mario, O Furancho de Santiso, Bar Karper, Sole City, A Queixeira de Arzúa, Bar Luis, Bar Manolo e Café Teatro. Estarán dispoñibles, tamén, no Centro de Saúde e Piscina climatizada.
Os veciños das parroquias poderán recollelo nos bares e tabernas correspondentes ou, onde non os haxa, na Igrexa parroquial ou contactando co correspondente alcalde pedáneo.
Os calendarios compóñense de doce láminas mensuais e unha portada dedicadas este ano a promover a sensibilización e concienciación medioambiental. Cada folla permitiranos, ademais de mirar os días festivos ou as lúas correspondentes a cada mes, observar as doce imaxes que resultaron premiadas do concurso de fotografía “Mellor Arzúa” que convocou o Concello.