Arzúa, 24 de setembro do 2020 – O concello de Arzúa aprobará no día de hoxe, na Xunta de goberno local, as bases de axudas para familias no ámbito da loita contra os problemas derivados da pandemia.
Unhas axudas que buscan que Arzúa garanta a igualdade no exercicio do dereito á educación dos cativos da vila. As axudas irán destinadas á merca de material escolar e de protección sanitaria fronte ao covid-19, necesario para a escolarización do alumnado que curse etapas de educación obrigatoria nalgún dos centros do municipio.
O goberno local destinará a estas axudas un importe de 10.000 euros, que poderá ser ampliado ata os 20.000 no caso de que o número de solicitudes así o faga necesario.
Poderán solicitar estas axudas as familias do municipio que cumpran os requisitos establecidos nas bases da convocatoria, que será publicadas no Boletín Oficial da Provincia. Entre outros ter empadroamento no concello de Arzúa, estar escolarizados nos niveis de educación primaria ou educación secundaria obrigatoria nalgún dos centros educativos do concello e non superar o baremo de ingresos establecido nas bases. O baremo, explican desde o concello, contempla un rango de ingresos o suficientemente amplo como para que ningunha familia con necesidades teña impedimentos para acceder a estas axudas.
As solicitudes, que se deberán presentar mediante a Sede Electrónica do Concello ou ben de xeito presencial nas oficinas do rexistro, terán que efectuarse nos 15 días posteriores á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
A contía das axudas será de 120 euros por cada alumno ou alumna e deberá, necesariamente destinarse á compra de material escolar (libretas, carpetas, bolígrafos…), material deportivo (chándal, calcetíns, calzado…) e roupa de abrigo e calzado. Tamén se poderá mercar material de protección sanitaria fronte ao covid-19: máscaras de protección, xeles hidroalcohólicos….
O alcalde de Arzúa, José Luís García, salientaba a importancia destas axudas “que no momento actual que estamos atravesando suporán un importante alivio para moitas familias do noso municipio que teñen que afrontar uns gastos relativos á educación e escolarización dos seus fillos que se ven incrementados de xeito notable coa merca de materiais de protección sanitaria fronte á covid-19, esixidos polos centros de estudo para a asistencia do alumnado”.