Arzúa, 6 de setembro do 2019 – A Asociación Socio Educativa Antonio Gandoy abre o prazo de inscrición para participar dende finais de setembro nas clases dirixidas ás familias con menores de 0 a 3 anos e para futuros pais e nais.
A Asociación Antonio Gandoy ten como misión principal preservar, difundir e dar continuidade ao labor socioeducativo desenvolvido por Preescolar na casa. Os profesionais da Asociación son mestres, pedagogos e psicólogos con ampla traxectoria educativa en aquel programa previo. Deseñan actividades dirixidas a reforzar as competencias parentais, así como a dar resposta ás diferentes necesidades das nenas e dos nenos.
O lugar no que se desenvolverá o programa será a Aula multifunción (coñecida como Ludoteca) situada na planta baixa do edificio sociocultural María Mariño, ao carón do Club de Xubilados. As sesións, cunha periodicidade semanal, desenvolveranse nas mañás dos martes e serán dunha hora e media de duración. A continuación destas sesións, as familias disporán dun tempo individual para aclarar dúbidas mediante unha titoría concertada.
Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar desta iniciativa ou que precisen resolver calquera dúbida pódense poñerse en contacto co teléfono 686 446 838 ou asistir a unha reunión o martes, 17 de setembro, ás 11:00 horas no lugar indicado. O prezo para participar no Espazo das familias de Arzúa será de 17 euros mensuais por familia, cuota reducida grazas á colaboración do Concello.