Arzúa, 7 de maio do 2021 – Alternativa por Arzúa e Psoe aprobaron unha proposta de orzamentos que chega por primeira vez na historia do concello aos sete millóns de euros.
Trátase dos primeiros orzamentos participativos de Arzúa xa que todos os grupos tiveron a oportunidade de facer as súas aportacións. O obxectivo principal a reactivación económica do municipio e a protección social da veciñanza.
A área de servizos sociais tratará de garantir a cobertura á maioría de persoas dependentes co programa de atención individualizada do servizo de axuda no fogar. Con esta intención o contrato do servizo ten previsto chegar ás 35.000 horas de prestacións. O alcalde, José Luís García, explicou que “trátase dun servizo esencial para a vida destas persoas e as súas familias que son clave para a conciliación familiar e a calidade de vidas dos nosos veciños e veciñas”.
Ademais dos servizos de conciliación xa consolidados tratarase de poñer en marcha un ambicioso servizo de canguraxe no que está traballando a Oficina de Información á Muller (CIM). Na medida en que se vaia controlando a situación sanitaria retomaranse actuacións de envellecemento activo e programación de actividades deportivas e culturais que tiveran que ser suspendidas polas restriccións.
Darase continuidade ás liñas de axudas para a atención rápida e urxente aos veciños e veciñas para a cobertura de necesidades básicas, bolsas para material escolar, axudas de emerxencia social e outras axudas a fogares con necesidades excepcionais como consecuencia da pandemia.
Promoción turística para a reactivación do comercio local
O proxecto de orzamento toma a promoción turística como esencial para reactivar a economía local. increméntanse as actuacións no programa con respecto a outras anualidades dando continuidade ao traballo da marca Arzúa como destino verde, priorizando a atención ao medio ambiente e conservación do patrimonio natural, reactivando rutas de sendeirismo e paraxes naturais privilexiados.
En este sentido continúa o compromiso co coidado do medio ambiente que verase reforzado coa realización dunha serie de actuacións. Despois da adhesión hai uns meses de Arzúa á iniciativa europea do pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, tense solicitada unha axuda, xunto co concello de Boimorto, para a contratación de persoal técnico de medio ambiente. A súa labor concretarase na realización de estudos de optimización do servizo de recollida e xestión do lixo, así como do alumeado público e subministro de auga, información e control de vertidos ilegais e recuperación de zonas contaminadas, entre outros. A súa labor fundamental será a concienciación social da importancia da protección ambiental no eido local.
Nesta área, explica o alcalde, desenvolverase un importante proxecto piloto de compostaxe en dúas parroquias do municipio. Aos veciños e veciñas interesadas na súa participación faráselles entrega dun composteiro e ofreceráselles unha guía didáctica e un programa de formación.
Outros capítulos
No proxecto de orzamentos recóllense o mantemento das axudas e subvencións ás entidades locais sen ánimo de lucro; a continuidade das axudas dos bonos comercio para dar cobertura ás campañas de venda todo o ano para axudar a reactivar o consumo local no noso comercio.
Resulta de especial interese tamén o capítulo de investimentos no que se inclúe, entre outros, a adquisición dun vehículo para a policía local ou o acondicionamento íntegro da Rúa do Carme, en pleno casco histórico.