Arzúa, 26 de novembro do 2020 – O concello de Arzúa ven de aprobar o destino de 150.000 euros que servirán para a mellora do abastecemento de auga e da piscina municipal.
Estas obras serán posibles grazas ao remanente de tesourería que, explican desde o goberno, “goza de boa saúde grazas ao aforro e a boa xestión”.
Melloras na rede de abastecemento de auga potable
Arzúa realizará unha serie de traballos encamiñados a renovar a rede de mananciais coa finalidade de mellorar o funcionamento do servizo de abastecemento de auga. Esta actuación abranguerá un total de 7 kms, nos que se sustituirá unha antiga e desgastada canalización de fibrocemento por outra renovada de fundición. O goberno municipal priorizou esta actuación dada a importancia de garantir que a auga que chegue a todos os domicilios o faga con todas as garantías de seguridade e salubridade. Esta obra complementa á realizada hai uns meses coa mesma finalidade de ir renovando unha rede de canalización coa vida útil esgotada. Neste caso investiranse un total de 47.248,77 euros nunha actuación que permitirá trasladar as canalizacións que agora atravesan por propiedades privadas para conducilas por espazo público.
Actuacións na piscina climatizada
Parte do aforro acadado polo goberno municipal permitirá tamén realizar unha serie de traballos nas instalacións da piscina climatizada. O rexedor municipal, José Luis García, amosou a súa satisfacción por lograr dispoñer agora do orzamento necesario para poñer remedio aos problemas das filtracións de humidade que viña padecendo esta instalación no seu teito e que provocaba un importante deterioro no seu mobiliario e na adecuada prestación da actividades. Destinaranse a esta finalidade un total de 18.150 euros.
Con igual intención de velar pola seguridade dos cidadáns, o goberno municipal elevou ao pleno unha proposta de actuación no camiño que conduce ao lugar de Outeiro, onde na actualidade existe un muro de mampostería que presenta un importante deterioro na súa estructura. Pendentes de que dende a Dirección Xeral de Patrimonio dea o visto bo a esta actuación, o goberno municipal ten a intención de acondicionalo realizando traballos de reposición para que teña garantías de contención, creando unha escollera con cachotes de granito de maior tamaño. Esta actuación contará cun investimento de 23.596,09 euros.