Arzúa, 10 de novembro do 2020 – O concello de Arzúa traballa en importantes melloras vinculadas ao Camiño de Santiago ao seu paso pola vila.
Os traballos son posibles grazas ao acordo asinado coa Axencia de Turismo de Galicia para actuacións de mellora paisaxística e de promoción do Xacobeo 2021 no Camiño Francés.
Dende a Concellería de Turismo de Arzúa, a súa responsable, Begoña Balado, explica que este investimento permitiu realizar tratamentos de conservación das madeiras e reposición das partes rotas nas diversas áreas do Camiño; a actuación contemplou ademais o tratamento das pontes da área de Ribadiso. A esta acción destináronse 12.347,22 euros que en palabras de Begoña Balado “permitiron realizar uns traballos importantes de cara á conservación dun dos nosos patrimonios máis prezados, o Camiño de Santiago”.
Dentro do mesmo convenio de colaboración, o goberno municipal incluíu tamén unha actuación de mellora a realizar na praciña que hai diante da Oficina de Turismo. Os traballos, que finalizarán nestes días, consisten na renovación da pérgola de madeira e o entramado para a planta que ocupa a zona central. Procederase ao cambio da papeleira e reorganizaranse as sinais indicativas existentes no lugar.
A actuación contempla ademais o cambio das lámpadas das tres luminarias por tecnoloxía led. Estes traballos de mantemento son, así o manifesta a concelleira de Turismo, “moi necesarios para a conservación do noso patrimonio e para procurar a súa supervivencia ao longo do tempo”.
Cambio de luminarias na praza de galiza
O concello de Arzúa segue apostando pola renovación de luminarias no municipio, co obxetivo de mellorar a calidade do servizo e continuar coas súas políticas de aforro e eficiencia enerxética. Así se vén de facer co cambio de luminarias na Praza de Galiza, substituíndo as antigas luces por tecnoloxía led, máis eficiente e respectuosa coa conservación do medio ambiente.
Un total de 7.616,96 euros vén de destinar o goberno municipal a este cometido, que ademais de contribuir a un aforro para as arcas municipais e apostar por unha fonte de enerxía máis limpa, permitiu renovar e embelecer a imaxe dun dos espazos máis fermosos e emblemáticos da zona urbana do municipio.
Esta actuación, tamén recollida no convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, resultou do agrado de todos os veciños e veciñas de Arzúa “moi agradecidos e satisfeitos co cambio”.