Compostela, 10 de xullo do 2017 – Artellando e Terra da Fraternidade, un que repite e un novo, son os dous grandes eixos de actividades do Apóstolo 2017.
Artellando volverá levar o ambiente festivo a toda a cidade, con máis de vinte actividades distintas. A tenente de alcalde María Rozas lembrou que “Artellando é unha clara aposta deste Goberno por levar o Apóstolo a escenarios da cidade que tradicionalmente estaban esquecidos durante as festas, implicando para iso a ducias de artistas de distintas disciplinas e traballando en rede”. A concelleira sinalou que neste 2017 “o ciclo consolídase, e estamos convencidos de que seguirá medrando, porque nas dúas anteriores edicións das festas foi un éxito de público”.
Entre as propostas figuran espectáculos de maxia con Martín Camiña; teatro con Fran Rei; contacontos con Baobab; circo con Pistacatro; ou xogos tradicionais con Paporrubio. Un dos espectáculos máis novidosos é o denominado Torre de Babel, un evento que culmina un proxecto no que participaron 20 persoas con dificultades de inclusión social dende o pasado mes de marzo, e que mostrarán o aprendido no Centro Sociocultural de Santa Marta o venres 21. A actividade repetirase o domingo 23 no Parque de Bonaval.
A programación de Artellando, dividida en seccións como Artellando nos barrios, Artellando nos recunchos ou Artellando na Noite pode verse no DOSSIER_Artellando_2017
Terra da fraternidade
Terra da Fraternidade terá lugar do 14 ao 18 de xullo na Praza da Quintana e recolle o espírito deixado na cidade polo Womex.
Haberá artistas de Polonia, Mozambique, Ghana, Francia, Brasil, Etiopía, Colombia e Portugal, con cadansúa contraparte galega: Mercedes Peón, Raigañas, Habelas Hainas, Adrián Costa, Abe Rábade, The Lákazans e García MC.
As bandas convidadas de fóra son Warsaw Village Band (Polonia), Selma Uamusse (Mozambique), Pat Thomas & Kwashibu Area Band (Ghana), Girma Beyene & Akale Wubé (Etiopía/ Francia) e Bixiga 70 (Brasil)
A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou a programación do festival Terra da Fraternidade, xunto con Vítor Belho, director artístico, e Mercedes Peón, unha das protagonistas deste evento.Tal e como afirmou Fernández, Terra da Fraternidade non é só un festival, “pretende ser un intercambio musical e cultural que quere achegar a diversidade musical do mundo ás nosas prazas”. A idea é “fomentar a interculturalidade conformando un relato dunha Compostela diversa, e descubrir as músicas do mundo e conectalas co local, sempre compartindo escenarios e espazos coa música galega”.
Toda a programación de Terra da Fraternidade, que comeza este mesmo venres, a podedes consultar na web do festival: http://terradafraternidade.gal/

