Compostela, 25 de abril do 2017 – A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela acordou conceder o Premio aRitmar especial do xurado “Embaixada da Amizade galego-lusófona” a título póstumo a Fran Pérez, Narf.
A resolución do xurado pretende pór en destaque, dentro do proxecto aRitmar galiza e portugal, aquela persoa, grupo de persoas, institución ou iniciativa que teñan contribuído á divulgación da música e da poesía galego-portuguesa actuais, para achegar a cultura e a lingua dos dous países ao abeiro da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e os vínculos coa lusofonía.
Deste xeito, será premiado a título póstumo Fran Pérez, Narf. A entrega desta distinción á súa familia, igual que as gañadoras nas modalidades de música e poesía, realizarase na gala que se celebrará en outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, no escenario en que un ano atrás actuaba por última vez, antes da súa morte.
O xurado acordou conceder este premio a Fran Pérez, Narf (Silleda, 1968), finado o 15 de novembro de 2016, motivado por ser un cantante e compositor galego dedicado a construír pontes de colaboración e afecto no ámbito lusófono. Narf deu o seu último recital nunha actuación conxunta coa banda mozambicana Timbila Muzimba, no festival Womex da capital galega. Con anterioridade, tiña desenvolvido o proxecto “Aló irmão”, co músico guineano Manecas Costa, que fora presentado e gravado tamén no Teatro Principal da capital do noso país. Foi un dos grandes defensores e impulsores do achegamento musical entre Galiza e a lusofonía.
Na gala aRitmar galiza e portugal desta edición actuarán Sés, escollida como mellor artista musical galega, e Quinta do Bill, seleccionada como a mellor banda portuguesa. Ademais, permanece aberto o prazo para as votacións do certame de poesía. As persoas que queiran participar poden emitir o seu voto, até o 20 de maio, por tres poemas da Galiza e tres de Portugal na web http://www.edu.xunta.gal/centros/eoidesantiago/node/655
Os poemas galegos finalistas son Baldosas (Carlos Negro); Marcela & Elisa (A Coruña – 1901) (Carlos Negro); Nunca mascotas (Paula Carballeira) TERRADENTRO (Paco Souto); Poema malva (Charo Lopes); A morte (Francisco Cortegoso); Memoria (Paula Carballeira); Parque (Rosalía Fernández Rial); Encoros (Lara Dopazo) e Parir un lugar (Olalla Tuñas).
Pola banda portuguesa, os finalistas son Penso em ti (Alexandra Santos); Tragam-me un home que me levante com os olhos (Cláudia R. Sampaio); Mortos (Ana Cunha); Um tempo, um sítio, dentro de circunstâncias (Miguel Cardoso); Compramos o jornal à sexta-feira (Miguel Cardoso); Vem à quinta-feira (Filipa Leal); Europa (Filipa Leal); Amor adiado (Ana Correia); Vazio (Angelino Santos Silva) e Fui a Bruges esquecer um amor (Pedro Craveiro).
Esta iniciativa conta co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación Provincial da Coruña e das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Xunta, así como coa colaboración do Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões.
Unha das úlrimas actuacións de Narf foi en xullo do 2016, na praza de Praterías de Compostela para a presentación do Womex