Coruña, 22/05/2026 – A Deputación da Coruña continúa fortalecendo o tecido asociativo da provincia coa aprobación da concesión de 199.825,84 euros en axudas para asociacións de veciños e de mulleres do rural.
Esta liña de subvencións de Deputación, destinada a investimentos de promoción económica e mellora de infraestruturas, beneficiará de xeito directo a un total de 39 entidades sen ánimo de lucro.
O obxectivo prioritario desta convocatoria é apoiar ás entidades na renovación dos seus espazos comúns. Grazas a estas achegas provinciais, as asociacións poderán acometer obras de illamento térmico, melloras de accesibilidade, reparación de cubertas, así como adquirir equipamento informático, tecnolóxico e mobiliario adaptado ás necesidades actuais da veciñanza.
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, destacou que estas axudas van máis alá do material, xa que “mellorar un local social, poñerlle calefacción, cambiar as fiestras ou equipalo con ordenadores é, en realidade, darlles á xente das nosas vilas e parroquias un lugar digno onde atoparse. As asociacións son o corazón do noso rural e os seus locais son espazos fundamentais para dinamizar a sociedade, ofrecer formación e, sobre todo, combater a soidade non desexada”.
Entre as actuacións financiadas pola Deputación destacan proxectos de gran calidade social, como o acondicionamento do Teleclube de Buño (Malpica) para convertelo nun centro de inclusión contra a soidade, o illamento térmico e climatización do novo local das Mulleres Rurais de Xesteda (Cerceda), ou diversas reformas de accesibilidade en centros veciñais de toda a provincia.
