O Pino, 13 de setembro do 2017 – A ANPA do CPI de O Pino Camiño de Santiago denuncia recorte no colexio e solicita que se cubra de forma urxente unha praza de profesorado para a ESO.
A ANPA do CPI de O PIno concreta que non se concedeu un Mestre con perfil para linguas tal e como indicara o centro que se precisaba. Especialmente grave cando o alumnado, as familias e o centro fan un esforzo por manter seccións bilingües curso tras curso. E a todo isto hai que sumar que en Educación Primaria tampouco se cubriu a vacante dun Mestre xubilado.
No presente curso escolar, o centro conta con nove unidades de Primaria nas que hai oito titores e unha titoría compartida por dúas mestras especialistas. A ANPA considera que sería beneficioso tanto para o alumnado como para as familias que a Consellería tamén adxudicase esa praza de Primaria a un docente. Deste xeito tamén o profesorado disporía de horas para a organización de actividades cos rapaces. E máxime cando a tendencia deste colexio nos vindeiros anos, dado o aumento de matrícula en Educación Infantil, é a manter as liñas desdobradas e a precisar tanto novo profesorado como novo aulario.
Nestes momentos a maior urxencia, a apenas uns días de inicio do curso escolar en Secundaria, é a dotación dun especialista máis para os alumnos da ESO e o reforzo en Primaria. Por iso a ANPA solicita á Consellería que teña en conta as características deste centro e designe a dous profesionais máis para o cadro de profesorado do presente curso.
