Compostela, 22 de abril do 2018 – A documentalista da Cadena Ser Ángeles Afuera atópase estes días en Galicia, convidada pola Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago, para impartir unha conferencia titulada “Os sons da radio: a memoria adormecida”.
Como é tradicional nas actividades de Os Luns do Ateneo, o acto comezará ás 20.00 horas na sede de Afundación, situada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, onde se permitirá a entrada libre e gratuíta ata completar o aforo dispoñible, e rematará cunha quenda de coloquio co público asistente. Ángeles Afuera é Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. En 1989 suxeriu ao director da SER, Augusto Delkáder, a creación dun departamento de Documentación para preservar o patrimonio sonoro da canle e apoiar e verificar a veracidade das noticias con documentos sonoros. Deste xeito, fundou e dirixiu este departamento durante 27 anos ata a súa xubilación en 2016.
No novo departamento quedaron englobadas a fonoteca, a hemeroteca, a biblioteca e a coordinación dos arquivos sonoros do Grupo Prisa Radio e a súa expansión polas emisoras do grupo en Colombia, Arxentina, Chile e México. Ela tamén foi a encargada de dirixir os procesos de catalogación, indización, minutado e automatización dos fondos radiofónicos en tres aplicacións diferentes e descubriu pezas radiofónicas que se crían perdidas. Durante os seus 40 anos de vida profesional sempre estivo ante o micrófono, tanto nos informativos como en programas como Las ciudadanas. Un programa para la nueva mujer, ideado por ela e Carmela García Moreno, Hoy por Hoy, Hora 25 ou La Ventana, entre outros, dando visibilidade á tarefa dos profesionais dos arquivos nos medios de comunicación. Ademais tamén foi docente de asignaturas de periodismo dixital e de documentación audiovisual en cursos a distancia e da Universidade Complutense e publicou numerosos artigos académicos sobre o tratamento da documentación de radio e un manual de usuario do programa DOKUMENTOR.
En 2007 recibiu o Premio Nacional de Documentación á Calidade e Innovación, concedido pola Sociedad Española de Documentación e Información (SEDIC), e en 2011 a Antena de Ouro de Radio, concedida pola Federación de Asociaciones de Radio de España.
1 thought on “A documentalista radiofónica Ángeles Afuera nos Luns do Ateneo”
Comments are closed.