O luns dous de febreiro o Ateneo programa unha interesante conferencia dun dos máis importantes científicos, e dos máis queridos, de Compostela: Ángel Carracedo. Coma sempre ás 19.30 horas, na rúa do Vilar 19, o Catedrático de Mecina Legal impartirá a charla “De Mendel aos grandes proxectos xenómicos: Proxecto Xenoma Galicia”.
Na súa intervención nos Luns do Ateneo, Carracedo ofrecerá un percorrido pola evolución da xenética dende os seus fundamentos clásicos ata os actuais proxectos xenómicos de grande escala, deténdose especialmente no Proxecto Xenoma Galicia.
Este programa supón un avance decisivo na aplicación da xenómica á práctica clínica, coa finalidade de mellorar o diagnóstico, a prevención e o tratamento das enfermidades mediante unha medicina máis personalizada e de precisión.
Ángel Carracedo é unha das figuras de maior proxección internacional no ámbito da xenética e da medicina forense. Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e responsable de múltiples grupos e plataformas de investigación, conta cunha extensa traxectoria científica avalada por centos de publicacións, milleiros de citas e numerosos recoñecementos nacionais e internacionais.
A súa actividade combina investigación de vangarda, xestión científica e unha intensa labor divulgativa, con centos de conferencias impartidas en todo o mundo.
