Compostela,6 de marzo do 2019 – Andrés Penabad presenta este xoves na Casa das Crechas, 21:00 – 6€, o seu novo traballo que leva por nome Bipolar.
Bipolar é o segundo traballo do acordeonista e mostra un Penabad con máis pouso e máis maduro logo de dous anos de concertos levando a súa música por toda a Península.
Tras o éxito do seu primeiro disco (“Crossing”, 2014), que é o primeiro traballo en soitario dun acordeonista en Galicia, Andrés Penabad volve con máis forza. “Bipolar” comezouse a xestarse na primavera de 2015 e foi gravado entre Oza dos Ríos e Santiago de Compostela. Contén dez temas pensados para o directo, que reúnen composicións propias, de Fernando Barroso e dúas pezas tradicionais.
“Bipolar” é un traballo concibido para os directos e para os tempos que corren, sen grandes necesidades técnicas nin humanas. É por iso que Andrés se rodea da súa banda habitual, á que tamén se suma algunha colaboración como a das cantareiras e pandereteiras Lilaina, Pablo Vergara no bodhran, Ramón Dopico ás percusións e Álvaro Trillo na bateria. Nesta ocasión Andrés volve contar tamén con Fernando Barroso, a quen lle confía a produción do álbum.
Con este segundo disco Penabad quere deixar claro que non é casualidade e que quere grabar o seu nome no panorama do folk galego. Andrés Penabad é un acordeonista cunha longa traxectoria profesional. Comeza os seus estudos aos 14 anos da man do profesor Javier Díaz Carrasco, estudos que continuou no Conservatorio de Música de Getafe. Recibe varias Máster Class co catedrático de acordeón de San Petesburgo Oleg Sharov, así como dos concertistas Iñaqui Dieguez e Ángel Luís Castaño, ademais de cursar na Escola de Música Moderna Estudio de Santiago de Compostela.
Formou parte da Orquestra de Acordeóns Robaleira de Cedeira e do grupo de Folk Pontés Muxarega, agrupación que abandonou despois de producir o seu primeiro disco, “8 Soños”. Foi membro fundador do grupo Os Feroces da Galgueira e colaborou na gravación de discos como “Ulträqäns II”, do banda coruñesa Ulträqäns, e “Xan e Sabela”, do grupo pontevedrés Avelaíña, entre outros.
Andés colaborou tamén con grande cantidade de músicos da altura de Carlos Nuñez, Kepa Junquera, Susana Seivane, Luar Na lubre, Xose Manuel Budiño ou Xabi Aburruzaga.