Bisbarra, 17 de xullo do 2023 – A Xunta de Galicia e o concello de Ames asinaron un convenio de colaboración para o denominado “Eixe de mobilidade sostible” entre o Milladoiro e a estación intermodal.
A Xunta asume o financiamento da actuación e a execución das obras, que iniciará este outono cun prazo previsto de 18 meses. Ames porá a disposición os terreos de titularidade municipal. O investimento supera os sete millóns e medio de euros para unha distancia, ata a estación intermodal, de 5.9 quilómetros.
Esta intervención, cuxo trazado está consensuado co Concello de Santiago, centraranse na habilitación de novos itinerarios para peóns e ciclistas, con pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado. O acordo foi asinado de xeito telemático pola Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Ames, Blas García.
Trazado de unión coa intermodal
As obras da senda entre O Milladoiro e a estación intermodal consistirán na execución dun itinerario de 5,9 km de lonxitude que comezará no núcleo do Milladoiro, no aparcadoiro de Agro do Medio e comunicará a través das rúas Curuxa e Figueiras co eixe Milladoiro-Santiago, o cal discorre inicialmente entre a SC-20 e a AP-9, pasando por encima dos túneles de Adif e conectando coa rúa Virxe do Rial.
A partir da rúa Virxe do Rial, o itinerario entrará no antigo túnel de Adif, que será obxecto de acondicionamento e continuará polo Banquete de Conxo, o parque do Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor, á altura da estación intermodal.
Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública deste eixe, vaise reducir ata a metade a superficie a expropiar no entorno do lugar do Reiro e eliminaranse as pasarelas sobre o río Sar, empregando para o cruce as pontellas existentes.
No contorno do Antigo Mosteiro de Conxo utilizarase a plataforma do camiño existente, sen ampliar a explanación e cun pavimento o máis natural posible; mentres que no paso por debaixo da estrada de Deputación darase continuidade ao itinerario, acondicionando e limpando a contorna coa finalidade de mellorar o aspecto que presenta na actualidade.
Atendendo ás suxestións presentadas, elimínase a conexión da rúa Ramón Baltar, que quedará pendente de desenvolvemento en consenso e coordinación co Plan Especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo, que actualmente se atopa en fase de tramitación ambiental.