Bisbarra, 19 de abril do 2023 – Ames organiza en maio as II Xornadas de saúde mental que xirarán arredor do benestar emocional na terceira idade e o envellecemento activo.

A pasada edición das Xornadas de Ames sobre saúde mental trataron a cuestión na idade infanto xuvenil. O programa de este ano desenvolverase o día 13 de maio e contará cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos.
Participar é de balde, previa inscrición a través do enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com. O acto de presentación da programación correu a cargo do alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Beatriz Martínez, os psicólogos e coordinadores das xornadas, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy; e a psicóloga do Concello de Ames, Mónica Antelo.
As xornadas discorrerán na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 9:30 horas. Diríxense a profesionais que traballen coa xente maior (persoal sanitario, de servizos sociais, equipos de prevención…) e tamén ás familias e a todas aquelas persoas que estean interesadas no benestar psicolóxico e na saúde mental.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Beatriz Martínez, sinalou que “estas xornadas fan unha dobre labor: por un lado desmitifican a saúde mental e póñena en valor, quitan os tabús. Por outra banda, para esas persoas que poden estar sufrindo calquera tipo de saúde mental ou para o seu entorno poden ser unha ferramenta para poden entender o que lles sucede”.
Pola súa banda, o psicólogo e coordinador do programa coidadosÁmente Juan Carlos Permuy explicou que “seguindo coa liña das primeiras xornadas de saúde mental, o que intentamos facer este ano é dar visibilidade a outro rango da poboación que ás veces queda un pouco invisibilizado, que é a terceira idade. O ano paso fixémola abarcando a infancia e a adolescencia, unha etapa na que hai que incidir moito, pero a terceira idade ten un espazo máis longo. Queríamos darlle certa visibilidade e abarcar distintos aspectos para ver como mellorar esta etapa vital. Nas xornadas queremos facer un círculo arredor deste período, abarcando non só ás persoas que están nestas idades, senón tamén a quenes están ao seu cargo”.
Pechou a rolda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García, que “despois da época da pandemia fomos collendo máis conciencia sobre o problema da saúde mental, que fai anos era un tema tabú. É positivo realizar estas xornadas, especialmente dirixidas á xente maior, para trasladarlle á cidadanía a normalidade de calquera enfermidade”.
Programación
As II Xornadas de saúde mental abriranse cunha mesa redonda, que moderará a técnica de Promoción da Saúde do Concello de Ames, Rosana Martínez. Baixo o nome “A participación social como experiencia de envellecemento saudable”. Participarán Rubén Ramos, responsable técnico municipal de voluntariado da Concellaría de Benestar Social de Ames; Manuela Fraguela, Presidenta da Plataforma de Pensionistas de Compostela; e Juan Carlos Cancela, Alumno do IV Ciclo USC e titor de novo alumnado da terceira idade que se incorpore á universidade.
A continuación, tras unha pausa de descanso activo e aperitivo saudable, desenvolverase a primeira das conferencias, que estará protagonizada por Santiago Frago, director médico no Instituto Amaltea de Sexoloxía. Fraga será presentado por Belén Montesa, coordinadora da xornada e do programa de prevención “coidadosÁmente”. A charla xirará arredor da saúde sexual e o amor como fonte de vida.
Para rematar a sesión de mañá, Sara Marsilla, doutora en psicoloxía pola USC e experta en envellecemento saudable, desenvolverá a conferencia “Coidando das persoas que coidan”. Será presentada por Mónica Antelo, psicóloga do CIM do Concello de Ames e docente na USC.
Xa en horario de tarde, terán lugar dous talleres simultáneos, “Alimentación e actividade física para envellecer de forma saudable”, e “Mitos e falsas crenzas na sexualidade das persoas maiores. A viuvez, outra etapa para afrontar”. Ambos darán comezo ás 16:00 horas. A primeira estará presentada por Juan Carlos Permuy, coordinador da xornada e do programa de prevención “coidadosÁmente”, e impartida por Ana Martínez, médica e técnica do servizo de estilos de vida saudable da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia; e por Paula García, técnica do Servizo de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade.
O segundo dos obradoiros será presentado por Belén Montesa e impartido por Santiago Frago. As persoas participantes deberán escoller o taller no que queren participar no momento de anotarse.