Bisbarra, 16 de xaneiro do 2024 – O OVA, oficina de Voluntariado de Ames, desenvolve unha campaña na procura de novos colaboradores baixo o lema “Fai Tribo!”.
O obxectivo desta iniciativa é visibilizar a labor dos voluntarios/as e incentivar a colaboración da veciñanza. A presentación tivo lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns e contou coa participación de Uxía García, concelleira de Benestar Social; Rubén Ramos, técnico da Oficina de Voluntariado; e Doli Folgar, da empresa Fotoegrafica, encargada do deseño da campaña gráfica.
Aínda que esta campaña está aberta durante todo o ano, durante estas semanas intensifícase co obxectivo de animar á cidadanía a que participe nas actividades. Ao longo deste mes de xaneiro irán abríndose os prazos de inscrición para as distintas campañas que organiza a Oficina do Voluntariado de Ames.
Durante o acto, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que as accións desenvolvidas pola OVA buscan “axudarnos entre veciños e apoiar aos colectivos vulnerables, participando nas súas vidas con apoios específicos”. Así mesmo, afirmou que o que se persegue con Fai tribo!, é renovar o plantel de voluntarios e voluntarias: “Precisamos un aire fresco, xente nova con ganas de traballar e que propoña novas liñas de actuación”.
Nesta mesma liña se expresou Rubén Ramos, técnico da Oficina de Voluntariado de Ames, que afirmou que “en Ames o voluntariado está moi arraigado, pero sempre temos que dar un paso máis, para revitalizar todas as liñas de acción”. Tamén aproveitou para animar á veciñanza de Ames e de concellos da contorna a colaborar e dedicar algo de tempo a quen máis o precisa. Rubén Ramos dixo que na actualidade hai 28 voluntarios/as en activo e quixo destacar que a Oficina de Voluntariado de Ames púxose en marcha no ano 2001 sendo unha das primeiras de Galicia.
Os que queirn formar parte da OVA poden dirixirse á Oficina do Voluntariado, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para máis información poden chamar ao 662 37 70 44, contactar a través do correo electrónico voluntariado@concellodeames.gal ou no Facebook da oficina do voluntariado.